Esta mañá tiña lugar unha reunión da comisión que coordina o dispositivo aplicado na rede de estradas estatais da provincia de Zamora para afrontar a prevención, vixilancia e actuacións durante o inverno 2024-2025, que tivo lugar no Centro de Conservación de Estradas do Estado da provincia castelá. Entre os asistentes ao encontro estaba o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos.
Debido a que a zona limítrofe entre Ourense e Zamora é unha das máis problemáticas en inverno, o operativo está coordinado entre as subdelegacións de ambas provincias. Por iso, na xuntanza estiveron presentes os dous subdelegados do Goberno, así como representantes da Garda Civil, Policía Nacional, Protección Civil e Cruz Vermella, entre outros.
Na mesma abordáronse os recursos humanos e materiais que estarán dispoñibles este ano en Zamora, así como os protocolos de actuación en caso de situacións de alerta. Os asistentes destacaron a importancia da prevención e da habitual coordinación entre administracións e institucións implicadas; e insistiron en que informar á poboación é outro pilar fundamental, co fin de que se sigan as recomendacións dos expertos e, así, evitar posibles incidencias.
No mesmo senso, Eladio Santos avanzou que o plan de vialidade invernal que se aplicará nas estradas ourensás este inverno está previsto que se faga efectivo na próxima semana.