
Na tarde deste sábado 23 de maio, os equipos de emerxencia tiñan que intervir nun accidente de tráfico en Verín para liberar dúas persoas atrapadas.
Tal como informan dende o 112 Galicia, o coche no que viaxaban saíase da vía na A-75, ao paso por Tamaguello. “Como consecuencia do impacto, dous dos tres ocupantes quedaron atrapados e tiveron que ser excarcerados”, indican, explicando que no coche trasladaban varios animais: dous cans, dous gatos e un paxaro, dos que os axentes municipais tiveron que facerse cargo.
Dende o 112 Galicia, solicitaban a presenza dos bombeiros, que acudiron desde os parques de Verín, Carballiño e Xinzo e tamén se mobilizban os membros do GES de Laza e os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, para recoller aos animais.
O aviso sobre este accidente activábase pouco antes da unha da tarde tras a chamada dunha persoa particular que “dende o primeiro momento, advertía da posibilidade de que os ocupantes estivesen feridos e atrapados”. De feito, tamén acudían os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se encargaron “do traslado das tres persoas feridas”, aseguran dende o 112.
Outras tres persoas feridas en Toén
Pouco despois deste, arredor das 14:30 horas, rexistrábase un segundo accidente, en Toén, con outras tres persoas feridas.” Todas viaxaban no mesmo coche, que se saíu da vía e envorcou na OU-402, en Feá”, indican dende o 112 explicando que “os bombeiros tiveron que retirar os asentos para extraer a un dos ocupantes e facilitar a súa asistencia médica”.
Ata o lugar acudían os Bombeiros do Carballiño, os membros do GES de Ribadavia e os axentes da Garda Civil de Tráfico, así como Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que se encargaban “dos primeiros coidados e posterior traslado das tres persoas feridas”.