OurenseÚltima hora

A Semana da Mobilidade remata en Ourense cun balance positivo

Dende Amigos da Terra aseguran que “se debería ter enfocado as iniciativas cara aos adultos, non cara aos nenos”

A Semana Europea da Mobilidade rematou onte, 22 de setembro. Dende o colectivo de Amigos da Terra xunto a outros colectivos como a Masa Crítica; e tamén dende o Concello de Ourense, fixeron unha serie de iniciativas para fomentar o uso da bici e o transporte público na cidade.

Parking Day, no que alentaban a ocupar unha praza de aparcamento de zona azul – pagando o seu correspondente estacionamento- e crear espazos verdes efémeros; cinema de mobilidade, na que proxectaron, en colaboración co Cineclube Padre Feijóo un filme no que a bicicleta era a protagonista; rutas de tapas en bicicleta ou a promoción do uso do transporte público na cidade no Día sen Coche (22 de setembro) son algunhas das iniciativas que preparou Amigos da Terra para levar a cabo na cidade.

Pola súa banda, o Concello tamén elaborou un programa de actividades participativas a través de actividades para nenos con circuítos de educación viaria, obradoiros de mobilidade sostible e reparación de bicicletas, entre ouros. Ademais de organizar o día da bici. Asemade tamén instalaron carpas informativas sobre o proxecto “Móvete por Ourense” en diferentes rúas.

Tamén, con motivo desta celebración, as rúas Xoaquín Lorenzo e Cardenal Quevedo (no tramo comprendido entre o Parque de San Lázaro e a Avenida da Habana) foron peonís, desde o luns, 18 ata o venres, 22 de setembro, de 10:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

O concelleiro de Mobilidade, José Araújo, valorou estas actividades de xeito moi positivo asegurando que “se puideron resolver as posibles incidencias ocasionadas polos cortes de tráfico a través da Policía Local”.

Pola súa banda, o responsable de mobilidade de Amigos da Terra, Víctor Barro, cualificou o programa do Concello de “bastante pobre, se o comparamos coa doutras cidades”. Así é todo, sinalou moi positivamente que se fixese un programa a través das institucións xa que “é unha oportunidade de achegar o tema á cidadanía”. Neste senso, Barro salientou a publicidade nos mupis que incitan a usar a bicicleta. Con todo, para este representante de Amigos da Terra, o de enfocar a campaña cara á infancia “é un pouco erróneo”, asegurou, xa que “non son os nenos os que conducen os coches que atropelan aos peóns, os que toman as decisións para cruzar mal ou os que deciden ir ao cole en coche”. Por este motivo, dende o colectivo pensan que debería enfocarse máis ao público adulto.

 

Artigos relacionados

Back to top button