ConcellosRibas de SilÚltima hora

Sentida homenaxe do pobo de Ribas de Sil ao grupo de mulleres de Manos Unidas na localidade

 

No mediodía deste 6 de xuño, dentro da programación da Festa da Cereixa 2026, tiña lugar na Igrexa Parroquial de San Clodio de Ribas de Sil unha moi emotiva homenaxe ao grupo de mulleres solidarias de San Clodio que “durante case catro décadas dedicaron tempo e esforzo a traballar por deixar un mundo máis xusto”.

O acto foi organizado polo Concello de Ribas de Sil en colaboración coa parroquia. Comezou cunha misa presidida polo párroco Nelson Enrique Suárez, concelebrada polo vigairo de Pastoral da Diocese de Lugo, Luis Manuel Rodríguez. Na parte civil participou a corporación municipal en pleno, encabezada polo alcalde Roberto Castro, representando a todos os veciños e veciñas, xunto a un numeroso grupo de persoas asistentes.

O grupo de mulleres de Manos Unidas comezou o seu traballo nos últimos anos da década de 1980 e tivo a súa última exposición na Festa da Cereixa de 2025, sendo esta a primeira edición da festa na que xa non están presentes desde os seus inicios. Comezaron por iniciativa de Ana, a traballadora social do Concello, sendo alcalde José Rodríguez Rodríguez.

 

 

O seu obradoiro estivo situado en distintas localizacións ao longo destes case 40 anos, traballando de setembro a xuño todos os martes e xoves. As súas artesanías textís vendíanse logo en Semana Santa, nas festas da Cereixa e tamén en concellos como Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón ou nas localidades ourensás da Veiga e Viana do Bolo.

O resultado das vendas foi utilizado para financiar diferentes proxectos sociais, como un comedor social en Lugo, proxectos internacionais de Manos Unidas e iniciativas de desenvolvemento en Bolivia, Perú e Brasil.

O concelleiro de Educación e Cultura, Luis Fernández, encargado de conducir a parte civil da homenaxe, pediu aos asistentes un aplauso en nome de tantos nenos, nenas e adultos de poboacións empobrecidas que, seguramente, desde distintas latitudes do mundo, están profundamente agradecidos.

A Coral Polifónica de Quiroga deu un punto aínda máis emotivo coa súa música, que emocionou ata as bágoas ás protagonistas e tamén ao público asistente.

 

 

Nun dos momentos máis emocionantes do acto, os concelleiros de todos os grupos municipais fixeron entrega de rosas brancas para seren repartidas entre todas aquelas persoas xa falecidas que formaron parte ou tiveron un papel importante na historia do grupo. Entre elas foron lembrados especialmente o párroco Xesús Balado e Carmen, unha das persoas que apostou desde o inicio por darlle un sentido solidario ao traballo realizado polo colectivo.

No próximo Nadal, o grupo de mulleres, coa colaboración do Concello de Ribas de Sil e de persoas voluntarias, elaborará un documento que recolla unha historia de case catro décadas que merece a pena ser contada.

Ao rematar o acto, o párroco e o alcalde descubriron unha placa conmemorativa que deixará memoria permanente dun exemplo de solidariedade e compromiso para as xeracións vindeiras.

Fotos e vídeo cedidos.

 

Back to top button