DeportesÚltima hora

A sexta edición da Chandrexa Trail celebrarase o día 19

Constituirá a segunda proba da Copa Galega de carreiras por montaña
Bernardino González, Rosendo Fernández, Francisco Rodríguez e Diego Martínez.
Bernardino González, Rosendo Fernández, Francisco Rodríguez e Diego Martínez.

A sexta edición de Chandrexa Trail está programada para o vindeiro día 19 de xuño no municipio de Chandrexa de Queixa, sendo a segunda proba da Copa Galega de carreiras por montaña. A presentación da proba deportiva tivo lugar esta mañá, 8 de xuño, na Deputación Provincial, onde estivo presente o vicepresidente da institución, Rosendo Fernández, o asesor de Deportes, Bernardino González, o alcalde de Chandrexa, Francisco Rodríguez, e o director da carreira, Diego Martínez.

O evento deportivo presenta tres probas distintas: un trail de 33 km (puntuable para a Copa Galega), un mini-trail de 20 km e unha andaina de 20 km. Entregarase un trofeo aos tres primeiros de cada categoría -absoluta masculino e feminino; veterano masculino de 45 en diante; e veterana feminina de 40 en diante- tanto no trail coma no mini-trail.

Segundo se avanzou na presentación, xa hai máis de 200 inscritos de toda Galicia pero tamén algúns deportistas procedentes de fóra da comunidade, concretamente de Valencia, Madrid e Andalucía. “Ao longo destes días esperamos chegar aos 300 como na pasada edición”, asegurou Martínez.

Os interesados en participar eberán inscribirse a través da web www.chandrexatrail.com ou en www.championchipnorte.com. De forma presencial, pódese facer tamén en Agromacen (Trives) ou en Runmaniak (Ourense). Hai de prazo até o 16 de xuño.

Artigos relacionados

Back to top button