A dureza do seu percorrido (24 e 17 km pola montaña ruesa con máis de 1.700 metros de desnivel) e a espectacularidade do territorio polo que pasa (atravesando sendeiros, soutos e regatos) é o que cada ano serve de reclamo para o Gran Premio de Montaña A Rúa, organizado polo club local de atletismo que, na mañá deste domingo 1 de xuño celebraba o IX aniversario.


Non é unha proba multitudinaria pero si de calidade e todo un desafío para o cento de deportistas que se daban cita na praza Enriqueta Casanova, en Fontei para iniciar os dous percorridos propostos.

Primeiro saían os do trail, sendo o primeiro en chegar á meta Adrián Rodríguez Díaz (Running Sport Trail) que completaba o percorrido nun tempo de 02:27:53. Un minuto despois entraba José Manuel Gil Bernárdez (AC Castelos Trail Club), sendo terceiro Daniel Pazó do mesmo club. Na categoría feminina a primeira era Antía Goberna Prieto (Asesou) cun tempo de 3:11:03; a segunda Lucía Peón Santomé (GTR. Galaico Trail Run); e a terceira Rita Fernández Vieito (Asesou).

Media hora despois saían os corredores do mini trail. O primeiro clasificado da xeral era Javier Janeiro Cerdeira (Korpore Arenteiro Trail) cun tempo de 01: 51:23; o segundo, Paulo Barros Cid (Asaltamontes Trail); e terceiro, Fabio González Iglesias (Asesou). Das féminas, a primeira era Ana Hermida Domínguez (CD La Purísima); a segunda, Mary Álvarez Sierra (Box 001 Runmaniak); e terceira, Merce Jiménez Marques (Cueto del Oso).

Durante a proba, que coma sempre contou coa colaboración do Concello da Rúa, de diferentes empresas e dos voluntarios de Protección Civil, había varios avituallamentos de líquidos e sólidos.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información, fotos e vídeos:
Un cento de corredores retan á montaña no trail do IX GPM A Rúa



