CulturaCulturaEn portadaMúsicaÚltima hora

SilFest, unha experiencia única que vai máis aló do musical e que pon a Valdeorras no mapa dos festivais

Este evento, que cumpre oito edicións, nacía da man dun grupo de amigos e segue apostando de maneira desinteresada por dinamizar de forma cultural e socioeconómica a comarca

José Carlos Vilor e Jorge Álvarez, director do SilFest Valdeorras no espazo no que se celebra o festival./ Foto: O SIL.

 

Con oito edicións ás súas costas, o SilFest Valdeorras consolídase como un evento de referencia, que vai moito máis alá do musical, e que sitúa á comarca no mapa de festivais a nivel galego e estatal. Un proxecto que se xestaba, a base de ilusión e esforzo, no 2015 a partir da inquedanza de tres amigos que compartían a paixón pola música : Aida Estévez, Adrián Gómez e Jorge Álvarez. “Apetecíanos crear algo ao que nos gustaría asistir como público. Daquela tiñamos precedentes doutros festivais que se organizaran aquí como o Pulpop, Blues no Sil, o Festivaldeorras nos 90, o Son de Meiga… a eles asistimos como usuarios e a partir desas experiencias, fixemos un mix do que nos gustaría preparar”, conta Jorge Álvarez, que mantén o seu vínculo co festival, que dirixe conxuntamente con José Carlos Vilor.

 

Primeira edición do SilFest no 2015./ Cedida.

 

Esta cita nacía con entrada de balde, dirixido a un púbico local, e tendo como escenario, xa dende o primeiro ano, a beira do Sil, na praia fluvial do Malecón do Barco. “Comezamos cun festival máis pequeno do que é agora, daquela non pensamos que poderíamos chegar ao nivel que temos hoxe nin en orzamento nin en artistas. O proxecto foi evolucionando e medrando co tempo, de forma natural”, continúa Álvarez.

 

 

 

As edicións iniciais, no 2015 e 2016, foron gratuítas e moi semellantes (incluíndo xa un pequeno apartado vitivinícola e coas primeiras catas), pero o festival víase interrompido de forma inesperada no 2017, ano no que se incorporaba á organización José Carlos Vilor. “Por causas alleas tivemos que cancelar cando tiñamos o festival bastante avanzado, a primeira experiencia que vivín no meu debú foi unha cancelación”, lembra sorrindo, pero, matiza, esa paréntese permitiulles reflexionar sobre o festival e sobre o seu plantexamento. Déronlle unha volta que marcaba, de maneira clara, o seu futuro. “No 2018”, prosegue, “pegamos un salto cualitativo e cuantitativo en canto a promoción artística, en canto á disposición, á configuración técnica, ao programa de actividades… Esa cancelación do 2017 supuxo un punto e inflexión, un momento de pensar como queríamos que fose a seguinte edición”.

 

Unha das actividades da edición do 2016./ Cedida.

 

A partir do 2018, o SilFest iniciaba unha liña ascendente en orzamento, en apoios institucionais e diversificaba a súa oferta, mimando e dándolle máis protagonismo ao aspecto enogastronómico. “Medramos dunha maneira coherente, lóxica e sen pretensións. Queremos ser un pequeno gran festival, que é como nos anunciamos en redes, non buscamos masas de xente, sabemos onde estamos e cales son as nosas limitacións. Despois destes anos de andaina chegamos á conclusión, polo feedback que recibimos do público e dos artistas, de que o mellor que temos é o noso público, non masificado, sen colas, que é nun entorno natural envexable”, explica Jorge Álvarez.

 

 

Jorge Álvarez, co-director do festival./ AigiBoga

 

De feito este é un dos sinais de idade do SilFest. “A parte da música, que loxamente é o reclamo principal, o que nos fai diferentes e o espazo, á beira do Sil, que lle encanta ao público e aos artistas, e tamén a oferta de catas de viños, showcookings, actividades infantís… é dicir, aquí podes estar ao longo do día e non todo é música, hai moitas máis propostas para estar enganchado na fin de semana. Polo tanto, ademais da calidade artística e desas actividades, resulta un festival moi cómodo, por iso o público repite. A infraestrutura e instalacións están moi coidadas e responden a un evento pensado para todos os públicos”, comenta José Carlos Vilor.

“Hoxe vivimos un boom de festivais, e nós fuximos diso, dos macro festivais, apostamos por ser un oase, con aforos pequenos, pero sendo grandes en canto a programación artística e con propostas diferenciadoras tamén”, apunta Jorge Álvarez. Outra das singularidades é a programación específica para os nenos co MiniSilfest. “Creo que é algo moi exclusivo”, indica Vilor, “non coñezo ningún festival deste formato no que os pais poidan chegar e deixar aos nenos que van a estar acompañados por monitores, coidados e realizando actividades, mentres eles poden desfrutar doutras cousas”.

Neste senso, tamén foi cambiando o público ao que se dirixe o SilFest, cunha notable presenza de persoas doutros puntos de Galicia e mesmo doutras comunidades españolas. “Temos dous nichos de público moi claros. Por unha banda, o familiar, de pais e nais que van cos seus fillos e están con eles ata unha determinada hora na que empezan os concertos; e logo o público amante da experiencia SilFest, que está cansos dos grandes festivais e que buscan unha proposta totalmente distinta”, concreta Álvarez.

O SilFest Valdeorras tamén aposta por coidar a programación musical, cun par de cabezas de cartel, pero tamén incluíndo grupos emerxentes, que están despegando. “Estamos moi atentos sempre a esas bandas emerxentes ás que ao mellor no ano próximo xa non imos poder acceder por temas de orzamento. Sabemos que van ser solventes e que o público vai recordar a tal grupo, porque xa nos ten pasado, de feito xa hai xente que está á expectativa nese senso, vendo que banda lles vai sorprender”, contan os directores, que cifran en case un 35% do orzamento a partida destinada ao caché das bandas.

 

José Carlos Vilor, co-director do festival./ AigiBoga.

 

O festival non naceu vencellado a un tipo específico de música, e así segue sendo, sen perder de vista o criterio da calidade. “Non nos gustaría que nos encasillaran como un festival indie, nin rock, nin pop… o que buscamos son bandas que sexan solventes, que resulten do noso agrado e tamén do perfil do noso público”, asegura Jorge Álvarez,.

Pese ao paso dos anos e a ir sumando edicións, a esencia do festival, cun fin cultural e non lucrativo, mantense. Supón un elemento dinamizador socioeconómico e mesmo turístico para O Barco e para a comarca, pero o obxectivo do proxecto non é empresarial. “Nunca ganamos diñeiro, de feito é xusto ao contrario, pero móvenos o amor ao que facemos e son cantidades que podemos asumir. Todos temos os nosos traballos e hai un factor digamos romántico, non lucrativo, se non fose así, o festival nunca tería chegado a esta oitava edición. Móvemos o cariño que lle temos ao evento e a nosa ilusión é que se manteña”, destacan os directores do SilFest Valdeorras.

 

 

E explican que foi necesario cobrar entrada e ir subindo o prezo co tempo para poder manter economicamente o evento, “pero pensamos que comparativamente con outros festivais, posiblemente sexamos o máis barato de Galicia, incluso dentro dos festivais pequenos. Este ano son 42 euros a entrada dos dous días, cun total de 20 artistas, 5 catas incluídas coa entrada, kaiaks…”.

Cada edición supón, case un ano de traballo. “Agora estamos no sprint final, pero a organización dura practicamente todo o ano. Ata setembro estamos xustificando e pechando cuestións da edición que rematou e xa en outubro iniciamos a preparación da seguinte, con reunións para decidir as datas, preparar os patrocinios, contactar coas bandas, contratar temas como o da seguridade… Dedicámoslle moito tempo e non poderíamos facelo doutra forma”, indican os directores.

Conta atrás, polo tanto, para un novo SilFest, un evento que mesturará música, enogastronomía e cine do 18 ao 20 de xullo, nunha experiencia diferente á beira do Sil. Un proxecto vivo e que aposta por seguir medrando.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button