En portadaÚltima hora

Singular Via Crucis nocturno en Vilar (Folgoso do Courel), o Venres Santo

Esta escenificación da paixón e morte de Cristo faise nun percorrido entre O Campazo e a Ermida de San Roque e comezará ás 21:15h.

 

Era unha antiga tradición da Semana Santa de Vilar (Folgoso do Courel) que se recuperaba con éxito hai máis de dúas décadas grazas á Asociación Sociocultural Fonte do Milagro. Dende entón, e só coa paréntese da pandemia, cada Venres Santo celébrase unha singular representación do via crucis. Comezou sendo pola tarde, se ben, dende hai dous anos pasou a ser un Via Crucis nocturno.

Esta celebración repetirase o vindeiro Venres Santo, 18 de abril, a partir das 21:15h. O percorrido vai dende O Campazo ata a Ermida de San Roque. Este traxecto, cunhas 17 cruces e duns 600 metros, estará alumado con enerxía solar e, ademais, os participantes levan teas de aceite acesas. En cada unha das estacións, os participantes, encabezados polo Cristo, iranse detendo ata chegar á derradeira, onde se escenificará a crucifixión.

 

 

Esta iniciativa será novamente organizada pola Asociación Cultural Fonte do Milagro, en colaboración coa Asociación Cultural e Medioambiental Castro Grande de Vilar.

“É unha celebración á que cada ano se une máis xente”, destaca dende a Asociación Fonte do MIlagro, Evaristo Méndez. Recoñecen que nestes días están pendentes do tempo, pero tamén conta que a idea é manter o Via Crucis, “xa temos saído chovendo e mesmo con neve”.

Fotos cedidas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button