ConcellosSoberÚltima hora

Sober pide a colaboración das mulleres para elaborar unha mostra que realce a súa “beleza real e natural”

Agárdase que a iniciativa vexa a luz nuns meses, tempo durante o que traballarán con todas as participantes de cara a facer esa exposición de fotos final que aglutine todo o proxecto, adianta o Concello

Casa do Concello de Sober./ Foto cedida.

 

O Concello de Sober pide a colaboración das mulleres que queiran sumarse á elaboración dunha “exposición de fotos nas que se amose a súa beleza natural”. A iniciativa forma parte das actividade organizadas polo Goberno local con motivo do 8 de marzo e no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Desde o Concello de Sober explican que “ao longo da historia as mulleres sufriron unha forte e evidente presión social en torno ao seu físico. Así pois, recibiron e interiorizaron, por medio dos distintos axentes de socialización, crenzas e regras non escritas sobre como debe ser a súa imaxe, sumíndoas no medo ao rexeitamento. A sociedade na que vivimos motiva a exclusión ao ensinar que o corpo da muller debe ser o máis parecido posible o estereotipo establecido, loitando para conseguir encaixar neses parámetros e rexeitando se non o logran. É unha ensinanza invisible que non se transmite de forma directa, pois é silenciosa e sutil, maquillándose baixo a premisa de que a muller debe ser libre e ten que estar preocupada por unha axeitada saúde física e mental”.

Dende os Servizos Sociais do Concello de Sober queren contribuír, din, “a loitar contra esas crenzas que prexudican a todas as mulleres, derribando eses pensamentos machistas que as cohiben e condenan. Queremos que a palabra liberdade cobre todo o seu sentido e significado e que a saúde física e mental sexa real e propia”, precisan.

Así, o proxecto que propoñen busca “realzar a auténtica beleza, mostrando o sexo feminino tal é como é e non como pretenden que sexa. Queremos que aquilo que a nosa sociedade ve como defectos se perciba como o que verdadeiramente é, o corpo de todas as mulleres, a súa realidade”

Con este obxectivo invitan a todas as mulleres a colaborar na “exposición da beleza real e natural rompendo cos cimentos que nos oprimen”. Agárdase que o proxecto vexa a luz nuns meses, tempo durante o que traballarán con todas as participantes de cara a facer esa exposición final que aglutine todo o proxecto.

Para máis información e/ou para participar poden poñerse en contacto cos Servizos Sociais do Concello de Sober a través do número de teléfono 628055236, por medio dunha chamada telefónica ou vía whatsApp.

Artigos relacionados

Back to top button