Un tren moi especial recalaba esta tarde, ás 16:30h., na estación de ferrocarril de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras). Era un tren histórico no que viaxaba a veciñanza da localidade berciana de Toral de los Vados. Unhas 300 persoas que facían un traxecto non só xeográfico, senón, sobre todo, pola memoria e a historia deste medio de transporte que unía, a finais do século XIX, estas dúas zonas limítrofes: O Bierzo e Valdeorras.
No andén, numerosos veciños de Sobradelo, moitos deles tamén vestidos para a ocasión, agardábanos. Unha vez chegaba o tren, comezaba unha celebración moi emotiva, na que, na zona do aparcamento, se rendía tributo ao pasado ferroviario destas dúas zonas, cunha homenaxe tamén ás persoas que a fixeron posible e que se personificaba nos dous últimos ferroviarios vivos de Sobradelo, que recibían unha placa en lousa: Manuel Fernández e Luis Redondo.
“Esta placa dedícolla a todos os veciños e compañeiros do ferrocarril porque sen el este pobo non sería o qu eé. En 1888 o ferrocarril empezou a funcionar, levouse moitas vidas por diante e levouse moitas bágoas, pero ao final, foi adiante”, comentaba Luis Redondo. Pola súa banda, Manuel Fernández, dedicáballe este recoñecemento “aos meus compañeiros que están no ceo”.
Ademais, os Concellos de Toral de los Vados e Carballeda de Valdeorras facían un intercambio de presentes. A alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, agradecía esta visita e mandaba “unha aperta enorme a todos os de Toral”.
Dende o Concello de Toral agradecíase a acollida e benvida de Carballeda e o feito que “fose tan ben acollida esta proposta. Moitas grazas por todo, convidámonos a que veñades a Toral. Somos primos-irmáns, o ferrocaril únenos e ogallá que o siga facendo moitos anos”.
Veciños e visitantes dirixíanse despois ao Centro Social de Sobradelo, en cuxo segundo andar pode visitarse unha interesante mostra dedicada ao pasado ferroviario da vila, con diverso material e equipos aportados por Carlos Díaz, veciño de Sobradelo, e José García Martín, de Éntoma (O Barco).
O ambiente estaba animado pola Dj Futuro e a festa continuará á noite coa actuación a partir das 22:30h. do grupo Recuerdos.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.
