OurenseÚltima hora

As subvencións municipais a deportes aumentan en 40.000 euros este ano

O Goberno Local abre o concurso para a xestión e mantemento do servizo de préstamo de bicicletas por un importe de máis de 66.000 euros
As solicitudes para as subvencións poderán entregarse nas oficinas do Consello Municipal de Deportes, no Pavilón dos Remedios.

A Xunta de Goberno Local reuniuse hoxe, 25 de maio, para dar conta de diferentes asuntos relacionados coas distintas áreas do executivo ourensán. Segundo contou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa posterior, fóra da orde do día desa Xunta de Goberno deuse conta da convocatoria de subvencións en materia deportiva do Consello Municipal de Deporte.

Esta mañá salia publicado o anuncio no Boletín Oficial da Provincia e, como consecuencia, “ábrese o prazo para solicitalas”, anunciou Vázquez, que salientou que o Consello Municipal de Deportes “fai un importante esforzo este ano e eleva a convocatoria ata 680.000 euros” o que significa que vai aumentar en 40.000 euros a partida do ano pasado, dixo o rexedor, “na que foron 77 os clubs beneficiados e 45 os eventos apoiados”.

Esta convocatoria, de carácter anual, inclúe 2 liñas de subvención: Para a organización de actividades deportivas federadas e outras actividade de especial transcendencia social que contribúan á promoción deportiva. Esta primeira liña está dotada con 80.000 euros. A liña segunda de actuacións, dotada con 600.000 euros, é para “gastos de funcionamento das entidades deportivas por participación ou organización de competicións e actividades federadas de carácter oficial”, dixo Vázquez, durante a temporada 2016-2017.

As solicitudes poderán presentarse nas oficinas do Consello Municipal de Deportes, no Pavillón dos Remedios. No caso da primeira liña de actuación, até o 31 de outubro. No caso da segunda, por un prazo de 30 días naturais.

Xa dentro da orde do día, un dos puntos máis salientables foi de carácter concienciador. O alcalde da cidade, Jesús Vázquez, anunciou que na Xunta de Goberno Local aprobou a incoación de 5 novos expedientes sancionadores por colocación ilegal de cartelería en fachadas e mobiliario urbano “impoñendo multas a un total de 8 organismos, con contías que oscilan entre os 50 e os 300 euros”.

Nun informe presentado fóra da orde do día, deuse conta de que “nestes momentos hai 35 expedientes sancionadores xa finalizados e con resolución firme e 76 atópanse en tramitación”, dixo o alcalde, que salientou que houbo “un repunte da cartelería ilegal en diversas zonas da cidade que levou a este goberno a intensificar o control”.

Bicicletas

A xunta de goberno aprobou un expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o servizo de mantemento do sistema de préstamo de bicicletas do Concello de Ourense. “Con este expediente aprobamos tamén as cláusulas administrativas e técnicas, por un importe de 66.652,45 euros IVE incluído” dixo Vázquez, establecéndose en dúas anualidades: 2017 (61.098,16 euros) e 2018 (5.554,28 euros). O servizo de préstamo de bicicletas estaba fóra de servizo desde o pasado 4 de marzo, cando vencera o contrato da anterior adxudicataria e, coa nova adxudicación, “espérase renovar o servizo, que leva 10 anos de uso”, apuntou o rexedor.

Artigos relacionados

Back to top button