No deseño de escaparates atractivos e efectivos céntrase dous talleres prácticos con mentorías personalizadas, especialmente deseñados para os negocios valdeorreses, que comezaban a impartirse nesta fin de semana. A Asociación de Empresarios de Valdeorras (AEVA), en colaboración coa Deputación de Ourense, impulsa esta nova iniciativa dirixida a mellorar a imaxe e competitividade dos comercios locais.
O primeiro destes talleres, celebrouse hoxe domingo 29 de setembro, nel inscribíronse 20 negocios interesados en optimizar a presentación dos seus escaparates. A sesión, titulada “Taller Xenérico de Escaparatismo”, centrouse en proporcionar aos participantes as ferramentas e coñecementos básicos para deseñar escaparates que capten a atención dos clientes potenciais.
Próximo Taller: Preparación para a Campaña de Nadal
O segundo taller terá lugar o domingo 6 de outubro e estará enfocado na creación de escaparates de Nadal. Coa tempada festiva ao virar a esquina, os participantes aprenderán a deseñar escaparates, co obxectivo de aumentar a visibilidade e as vendas durante o período comercial máis importante do ano.
Ambos os talleres son impartidos por Cany Juncal, técnica experta en Visual Merchandising e montaxe de escaparates. Cun enfoque completamente práctico, as sesións permiten aos asistentes traballar nos seus propios proxectos e aplicar as técnicas aprendidas nos seus propios negocios.
Mentoría Personalizada: Un Valor Engadido
Como complemento, ofrécese unha mentoría personalizada para aqueles comerciantes participantes nos talleres que desexen un asesoramento máis individualizado. Nesta mentoría, Cany Juncal desprazarase para brindar recomendacións adaptadas a cada negocio, mellorando así a imaxe e a efectividade dos seus escaparates.
Fotos cedidas.