OurenseÚltima hora

“Tempo”, un retrato en acuarela da cidade

As 91 pezas que compoñen esta mostra, de Isabel Seidel e exposta no Museo Municipal, fan un percorrido por diferentes puntos da capital dun xeito moi artístico
Belén Iglesias, Isabel Seidel e Jesús Vázquez na presentación. 

Tras seis meses pechado para acometer as obras de instalación do ascensor, o Museo Municipal volve estar en activo e o fai abrindo unha fiestra á cidade a través das acuarelas da artista alemá afincada en Ourense, Isabel Seidel. “Tempo”, así se titula a mostra, é unha colección de 91 obras, de grande e medio formato, coa técnica de acuarela en papel sobre lenzo, diarios de viaxe e cadernos de anotacións que percorre os currunchos da cidade das Burgas. A exposición ocupa as tres plantas do Museo (feito que non ocorría desde hai 30 anos, con Julio Prieto Nespereira), e permanecerá aberta desde o xoves, 22 de xuño até o 30 de setembro.

Segundo sinalou a artista na presentación de hoxe, 21 de xuño,”Tempo” representa a moitos niveis o seu traballo. “É unha mostra 100% ourensán que busca reflectir a nosa cidade a través das árbores, as estacións do ano, o xogo das luces e das sombras e, especialmente, a choiva”, dixo, pero tamén “o grao de humidade exacto, o pigmento que flúe coa auga para modelar a realidade”. Asemade, tamén considera que é unha obra “moi persoal”, xa que reflicte o tempo que transcorreu desde que empezou a traballar na exposición até o momento, tempo no que foi nai de dous nenos: “agora todo é máis complexo para o meu marido e para min”, dixo con humor, “e acórdome de que Tempo en alemán significa velocidade, e as nosas vidas agora van moito máis rápido”, aseverou.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, apuntou con solemnidade o seguinte: “Ourense só hai unha, mais as súas representacións son moitas, tantas como ollos abertos e mentes sensibles e grazas ás acuarelas de Seidel aprendemos a observala dende a mirada da artista, a apreciala na súa beleza e sentila propia nas súas manifestacións”.

 

Artigos relacionados

Back to top button