ConcellosRubiáÚltima hora

Todo a punto para o IX Viñotapeo de Quereño (Rubiá)

Esta ruta polas adegas comezará esta tarde ás 20h. e incluirá degustacións de viño e saborosos petiscos

Imaxe da pasada edición./ Foto: A.R.

Conta atrás para o IX Viñotapeo de Quereño (Rubiá). Este percorrido gastronómico e festivo que se desenvolve polas rúas da localidade e que cada ano atrae a máis participantes terá lugar na tarde deste sábado 3 de maio a partir das 20h. Aínda que a veciñanza confía en que non vai chover, para combater a auga contarase con zonas de carpa.

Nesta edición esta singular ruta contará con dez adegas de diferentes barrios nas que se ofrecerá ao público viño e outras bebidas, xunto con variados e saborosos petiscos. Serán as do Barrio do Regueiro, A Currelada, O Quintairo, A Igrexa, As Cortiñas, A Teixeira, A Estación I, A Estación II, A Estación III e a Estación IV. Ademais o ambiente estará animado pola música dunha charanga.

A entrada para poder participar neste Viñotapeo será de 12 euros e con ela entregarase unha taza e un pano. O punto de venda situarase, como en anteriores edicións, á entrada de Quereño.

Despois do percorrido polas adegas haberá café e sobremesa na zona das pistas, onde a festa continuará ao ritmo dunha discomóbil.

 

Back to top button