CulturaCulturaÚltima hora

Torbeo (Ribas de Sil) celebra un exitoso “Día de Bruxas”

O obxectivo era reflexionar arredor de Filomena Arias Armesto, coñecida como a “Bruxa de Torbeo”, citada por autores como Ánxel Fole e presente na memoria colectiva

 

Unhas 150 persoas, procedentes das catro provincias galegas e tamén de León e Asturias, achegáronse o sábado 18 de outubro a Torbeo (Ribas de Sil) para participar no primeiro “Día de Bruxas”, organizado conxuntamente pola Asociación de Veciños de Torbeo (AVETO) e o Concello, coa colaboración da Deputación de Lugo. O evento tivo como propósito reflexionar arredor de Filomena Arias Armesto, coñecida como a “Bruxa de Torbeo”, citada por autores como Ánxel Fole e presente na memoria colectiva.

A xornada comezaba cun paseo desde a vella escola de Torbeo ata o miradoiro do meandro da Cubela, unha das paisaxes máis características da Ribeira Sacra e do Xeoparque Montañas do Courel, e qye remataba no Centro de Interpretación do Río Sil en Torbeo.

A apertura da xornada corría a cargo de Mario Vidal, presidente de AVETO; Luis Fernández, concelleiro de Educación e Cultura; e Roberto Castro, alcalde de Ribas de Sil. Logo da inauguración, nunha carpa instalada por AVETO ao carón da igrexa, celebrouse unha interesante conversa de dúas horas, ás veces con puntos de vista que ían do racionalismo a posturas máis espirituais e místicas, pero que enriqueceron o acercamento feito a Filomena Arias, nomeada hai décadas como a “Sabia de Torbeo” por Antón Patiño.

Os relatores eran Carolina Martínez, veciña de Torbeo e herbeira continuadora de parte do coñecemento de Filomena, e Manuel Cao, mestre e escritor local. Entre ambos, e coa importante participación do público, fixeron un percorrido pola vida de Filomena, repasando distintas interpretacións dos fenómenos extraordinarios dos que se fala. A conclusión de todos foi que Filomena foi una muller boa, que pretendía axudar, moi coñecida no territorio, e as veces inxustamente tratada polas autoridades civís e relixiosas, que pervive na memoria e que, indiscutiblemente, forma parte da cultura popular galega.

Visita aos lugares de Filomena

Ao rematar, e antes da comida popular na escola, realizouse un percorrido dunha hora que levou ao grupo desde a casa natal ata a posible fonte onde se cre que bebía auga e recibía os espíritos, o fiadeiro, a consulta e o exterior da igrexa parroquial, onde lle foi practicado un exorcismo.

As persoas presentes tiveron a oportunidade de ver a inscrición de bautismo de Filomena e unha anotación posterior doutro sacerdote que, en tinta azul, indica ao marxe: “Esta é a coñecida como bruxa de Torbeo, … posuía manifestacións diabólicas”.

Presentación de “Amanda” e premio literario

Pola tarde, a escritora Rosa Marina González-Quevedo, nacida en Matanzas (Cuba), trasladada despois a A Habana, posteriormente a Italia, e actualmente afincada en León, presentou a súa obra Amnada. A obra narra unha historia, que acontece en 1938, de lugares, mística e persoas, en escenarios como A Habana e tamén Torbeo, onde aparece Filomena. Presentada por Carolina Martínez, asinou todos os exemplares dispoñibles, que se esgotaron. Hai que destacar que a escritora non ten ninguna relación con Torbeo e que, unha viaxe a Galicia, xa hai anos, permitiulle coñecer un espazo para a súa obra e a figura de Filomena. Na ringileira de persoas para firmar o libro dúas mulleres, Mirian e Josefa, familiares da protagonista do día; que asistiron emocionadas a todos os actos do día.

Posteriormente, o concelleiro de Cultura, Luis Fernández, deu lectura ao fallo do primeiro concurso literario “Filomena Arias”. Na categoría infantil recibiu certificado e lote de libros Valentina Aguado, de Quiroga, coa obra Claudia do río. Na categoría de adultos, con certificado e dotación económica, gañou o galardón Antonio Paz coa obra Máxica realidade. En breve serán publicados nas redes sociais.

 

 

Fin da xornada

A xornada rematou, logo das nove da noite, cun magosto e queimada —como non podía faltar nun Día de Bruxas— e coas actuacións dos grupos de gaitas Son do Pucheiro e Peitoescuro, financiados pola Deputación de Lugo.

O Concello de Ribas de Sil agradece “a importante implicación dunha das asociacións máis comprometidas do municipio, AVETO, que se fixo cargo de toda a organización da comida e da instalación das carpas dos eventos. Un traballo digno de destacar, no que unha comunidade de apenas 70 persoas organizou á perfección a recepción de 150 asistentes. O espírito que se viviu na festa fai pensar que este “Día de Bruxas” será o primeiro de moitos”.

Fotos cedidas.

Back to top button