ColaboraciónsOpiniónÚltima hora

Transfugarse

Artigo de opinión de Xosé Carballido, presidente da Asociación Veciñal Seixalbo

 

Acaba de pasar en Castrelo de Miño, logo en Viana e despois… O transfuguismo é unha das indignidades máis graves que se poden cometer no sistema democrático. Non sei se está tipificado como delito pero, en calquera caso, si que é reprobable moralmente aínda que non sexa penalmente.

Un representante político electo que “mete” a man na caixa é un ladrón, pois accede ilegalmente ao patrimonio público para o seu beneficio persoal. Un representante político electo que “rouba” a vontade da cidadanía expresada nas urnas é, ademais de ladrón, un miserable. Miserable das súas propias miserias, o que non está tipificado no Código Penal, pero si no moral, o que é máis grave. Por que se perdes a liberdade por unha condena penal, esta queda resarcida co cumprimento da mesma. Pero, se perdes a dignidade por unha condena moral, esta xa non é recuperable. Estamos a falar dun valor consuetudinario, inherente á persoa, que imprime carácter. Un valor por encima do estatus económico e social. Podes ser rico digno ou indigno. Podes ser pobre de solemnidade, pero con dignidade.

O sistema electoral municipal mediante listas pechadas fai que o electorado apoie co seu voto a unha lista completa, polo tanto, a un colectivo de persoas, case sempre baixo as siglas dun partido. Poucas veces o electorado coñece aos compoñentes da lista, coa excepción seguramente da persoa que encabeza. Do resto, poucas veces agás os parientes e algún amigo. Polo tanto, confiamos no colectivo que ampara esa lista, sexa PP, PSOE, BNG ou o sumsum corda. Así que, quen amparado por este paraugas cambia “de bando” na metade da partida, está roubando a vontade de quen vota.

Neste país, quen rouba é un ladrón. E se o fai para o seu enriquecemento e beneficio persoal, merece a reprobación social total e absoluta. E non esquezamos que, a diferencia dos parlamentos que se elixen para unha «lexislatura», nos comicios locais elíxense para un «mandato». Polo tanto, os tránsfugas, están a incumprir o mandato que democraticamente lle entregou o seu electorado, estase a falsear o resultado dunhas eleccións ou, o que é o mesmo, cometen un fraude.

Distinto sería que calquera Grupo Municipal presentara no seu conxunto unha moción de censura, democraticamente lexítima. Pero non é o caso. O caso é que estamos a falar de roubo, de miserias, de indignidade, de falsidade, de fraude… Eu, con estes cualificativos, non me atrevería a mirarlle á cara aos meus veciños. Nin aos meus fillos.

Xosé Carballido. Presidente Asociación Veciñal de Seixalbo

 

Artigos relacionados

Back to top button