
Na mañá deste mércores 26 de xaneiro, un home que traballaba nunha finca lonxe da estrada, en Cabanas (San Martiño de Berredo), no concello da Bola tiña que ser trasladado en helicóptero tras resultar ferido ao caerlle enriba unhas alpacas, segundo indican dende o 112 Galicia.
Segundo a información recibida a través dun particular pasadas as 12:30 horas deste mediodía, “as alpacas que estaban no tractor co que traballaba caeron enriba do home”, din dende o 112, avanzando que o alertador aseguraba que “o home estaba moi mal”.
Con estes datos, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivou ao punto o helicóptero medicalizado con base en Ourense. Do mesmo xeito, infromaban aos axentes da Garda Civil, os membros do GES Terras de Celanova e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
“Finalmente, unha vez no punto e tras atender ao operario no mesmo lugar dos feitos, os profesionais sanitarios confirmaron ao 112 Galicia a evacuación do home na aeronave ao centro hospitalario de referencia”, conclúen.