DeportesÚltima hora

Tres distincións valdeorresas nas Medallas ao Mérito Deportivo, entregadas esta tarde en Ourense

Resultaban galardoados a piragüista Beatriz Valcarce, José Luis "Victoria" presidente de MVO Barco e a Milla Urbana barquense

 

Esta tarde tiña lugar no Teatro Principal de Ourense o acto de entrega das Medallas ao Mérito Deportivo que a Xunta entregou a 99 deportistas e entidades de toda Galicia, coa presenza do presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, así como do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, entre outras autoridades.

Rueda enxalzaba o carácter “eminentemente polideportivo” de Galicia e puxo en valor o sistema deportivo consolidado como parte da vida cotiá en toda a xeografía galega. “O deporte galego é un reflexo da nosa identidade como pobo: unha combinación de paixón, esforzo e compromiso”, remarcou para asegurar que é un dos mellores embaixadores por todo o mundo do que significa Galicia Calidade.

O xefe do Executivo autonómico defendeu os beneficios da práctica deportiva “para acadar hábitos saudables e para a cohesión social”, pero tamén o seu impacto económico, agregando que se trata “dun motor para a nosa economía e factor clave para a internacionalización de Galicia”.

Neste senso, reiterou o compromiso da Xunta de Galicia no apoio ao desenvolvemento da práctica deportiva, especialmente o deporte de base e o feminino, así como na súa profesionalización, incluíndo a construción de infraestruturas deportivas, liñas de axuda ao deporte e actuacións para facilitar a conciliación académica e laboral dos deportistas. “Queremos que calquera galego poda practicar deporte dende a infancia ata a vida adulta con todas as posibilidades á súa man”, subliñou.

Menor felicitou aos premiados polo seu rendemento profesional e destacou os valores que promoven como a disciplina, traballo en equipo e espírito de superación dos recoñecidos, aos que sinalou como “ gran exemplo” para novas xeracións.

O presidente da Deputación felicitou tamén ao goberno autonómico por estas distincións que premian o esforzo de deportistas individuais e colectivos que son referentes na sociedade. Neste sentido, Luis Menor fixo mención á vintena de medallas que se outorgan a deportistas individuais ourensás -unha delas, a título póstumo, para Constantino Prieto, o impulsor da construción do estado de O Couto-.

Galardoados ourensáns

Os galardoados ourensáns, de diversas disciplinas (fútbol, baloncesto, hockey, voley, natación, ximnasia, piragüismo e rugby), son os seguintes: Alejandro Fernández Rivera, Támara Echegoyen Domínguez, Luis Rodríguez Vaz, José María ‘Chema’ Royo Sanz, David Monreal Izquierdo, José Antonio ‘Sony’ Vázquez Vázquez, Carlos Rodríguez Diéguez, Vicente Álvarez Núñez, Alfonso Vilachá Rodríguez, Adolfo ‘Fito’ López Arribas, Marisa Acevedo Rego, José Luis ‘Victoria’ Gómez Álvarez, Beatriz Valcarce Arias (quen non puido asistir e no seu lugar recollía o premio á súa mai), Daniel Pérez Morales, Miguel Ángel ‘Fosi’ Álvarez Vázquez, Plácido Díaz Fernández, Olalla Piñeiro Mosquera, Rebeca Piñeiro Mosquera, e Paula Carballido Romero.

Luis Menor tamén se referiu ás dúas medallas que a Xunta outorga á xeración do 67 e 68 do Club Deportivo Ourense, tempada na que o equipo ourensán se impuxo nos trinta partidos disputados a todos os seus rivais.

Tamén felicitou aos organizadores da Milla Urbana do Barco, a terceira máis antiga de España.

Back to top button