
O CPR Belarmino Fernández Iglesias, en Rosende (Sober) participa no programa Erasmus+ co seu proxecto 2025-1-ES01-KA121-VET-000341192. Tres alumnos do Ciclo Formativo de Grao Medio de Cociña e gastronomía inician unha nova experiencia formativa internacional grazas ao programa Erasmus+, que lles permitirá completar a súa formación en empresas do sector hostaleiro en Italia e Portugal hasta mediados de Maio.
Estas mobilidades son posibles grazas á acreditación Erasmus no ámbito da Formación Profesional (VET) coa que conta o Centro ata o ano 2027, un recoñecemento que avala a calidade do seu proxecto de internacionalización e que garante financiamento estable para a realización de estadías formativas no estranxeiro durante este período.
Dous dos estudantes desprazaranse a vindeira semana á cidade italiana de Arezzo, na Toscana, destino que, segundo as propias palabras da directora e coordinadora dos programas Erasmus+ Rebeca Vázquez Iglesias “xa conta cunha traxectoria consolidada de colaboración con varios establecementos hostaleiros xa que nos últimos anos, varios alumnos e alumnas tiveron a oportunidade de realizar alí as súas prácticas formativas, acadando unha experiencia moi positiva tanto a nivel profesional como persoal e a continuidade desta colaboración reforza os lazos co tecido empresarial da zona e consolida a dimensión europea do proxecto educativo do noso Centro”.
Como novidade nesta convocatoria, unha alumna comenzou esta semana a súa formación nunha empresa en Oporto, Portugal. Aínda que o Centro xa enviara anteriormente alumnado a este destino para realizar prácticas dentro da formación ocupacional, nas diversas Accións Formativas dirixidas prioritariamente a Desempregados/as que se ofrecen na Escola, será a primeira vez que unha estudante do Ciclo Formativo de Grao Medio de Cociña e Gastronomía escolle esta opción. A alumna desenvolverá a súa formación nun restaurante da cidade, ampliando así as oportunidades internacionais específicas para este Ciclo.
Estas mobilidades permiten ao alumnado mellorar as súas competencias técnicas nun contexto profesional real, perfeccionar as súas habilidades lingüísticas e desenvolver capacidades persoais como a autonomía, a adaptación e o traballo en equipo. Ademais, favorecen o coñecemento doutras culturas gastronómicas e métodos de traballo, enriquecendo a súa preparación de cara á inserción laboral.
O Centro continúa así apostando pola internacionalización da Formación Profesional e pola participación activa en programas europeos que abren portas ao futuro profesional do seu alumnado e profesorado, xa que está previsto que no mes de Maio-Xuño varios docentes realicen un job shadowing en empresas e Centros educativos europeos para coñecer de primeira man como outras entidades ou socios de acollida desenvolven a súa actividade para levar a cabo estes proxectos e fomentar futuros intercambios de toda a comunidade educativa con outras institucións europeas. Neste proxecto Erasmus+ da Unión Europea xa participaron varios estudantes das Accións Formativas dirixidas prioritariamente a Desempregados HOTR0108 Operacións Básicas de Cociña e HOTR0108 Operacións Básicas de Restaurante e Bar. Rebeca Vázquez Iglesias indica “Estamos encantados de que o noso Centro participe nos proxectos Erasmus+. Cada saída supón unha oportunidade única de crecemento profesional e persoal para o noso alumnado e docentes. A acreditación VET ata 2027 permítenos seguir ofrecendo á toda a nosa Comunidade Educativa a posibilidade de formar parte destes programas europeos con garantías de continuidade e calidade.”
Así mesmo, quixo animar a futuros estudantes a apostar pola Formación Profesional: “Participar en Erasmus+ é un valor engadido moi importante e animo aos estudantes ou persoas interesadas en hostalería ou vitivinicultura a que se matriculen na noso Centro e aproveiten estas oportunidades internacionais que enriquecen o currículo e abren portas no mercado laboral.”
Erasmus+ 2021-2027 é o renovado programa da Unión Europea nos ámbitos da educación e a formación, mocidade e deporte, que ofrece oportunidades para todas as persoas e en todos os sectores educativos (Educación Escolar, Formación Profesional, Educación Superior e Educación de Persoas Adultas). Este novo Erasmus+ é máis internacional, máis inclusivo, máis dixital e máis ecolóxico, apoiando a transformación dixital, a inclusión e a diversidade, ademais do medio ambiente e a loita contra o cambio climático. Cun orzamento de máis de 28.000 millóns de euros, financiaranse proxectos de mobilidade e cooperación transfronteiriza relacionados coa aprendizaxe para 10 millóns de persoas de todas as idades e de todas as orixes. En España, o programa Erasmus+ xestiónase por parte do Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), organismo público adscrito ao Ministerio de Universidades que actúa como Axencia Nacional do programa nos ámbitos da educación e a formación.