A primeira hora da tarde deste 7 de xaneiro, ás 14:25 horas, producíase un accidente de tráfico no km 11,300 da estrada OU-536 (Ourense- Trives), no termo municipal de Pereiro de Aguiar (Ourense). Tratábase dunha colisión frontal entre un Nissan Almera e un Kia Carems, como consecuencia da cal resultaban tres persoas feridas de diversa consideración. As tres eran evacuadas ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
No operativo deste accidente interviñan 2 dotacións de bombeiros, 1 ambulancia do 061, 1 retén de limpeza e conservación da vía, 1 patrulla de motoristas e un equipo de investigación de sinistros viarios do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense.
Desde o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense insístese que coa “calzada mollada e, en caso de choiva intensa, deberemos aumentar a distancia de seguridade e levaremos acendidas as luces de cruzamento e/o néboa. Evitaremos as manobras bruscas, reduciremos a velocidade e comprobaremos que os pneumáticos en bo estado”.