ConcellosO BarcoÚltima hora

Tres policías locais do Barco colaborarán cos labores de auxilio á poboación en Massanassa (C. Valenciana)

Vehículo da Policía Local do Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O Concello do Barco colaborará cun municipio de Valencia, Massanassa, coa incorporación de tres policías locais a tarefas de auxilio durante a próxima semana. “Con motivo dos sucesos acaecidos na comunidade valenciana polo azoute da DANA, a Axencia Valenciana de Seguridade e Resposta ás Emerxencias, entidade pertencente á Subdirección Xeral de Seguridade da Generalitat Valenciana, emitiu o 2 de novembro de 2024 unha resolución aprobando a coordinación das actuacións dos corpos de Policía Local dos distintos territorios de España que presten colaboración en funcións de restitución da normalidade. O 6 de novembro de 2024 recíbese unha solicitude de axuda por parte do Concello de Massanassa solicitando a colaboración dos Policías Locais do Concello do Barco para traballar en tarefas de auxilio dos veciños afectados polos danos causados pola DANA”, segundo o Concello.

Tras esta petición, o Concello do Barco decidiu colaborar tamén neste caso, (tres integrantes da plantilla dos Ges están en Valencia desde o martes pasado) e entre o domingo 10 e o venres 15 de novembro, tres axentes que se prestaron voluntariamente para este servizo estarán na Comunidade Valencia colaborando coas tarefas solicitadas.

Outros axentes da plantilla da Policía Local tamén mostraron o seu desexo de colaborar, pero só poden acudir tres para poder manter o servizo no Barco. Os axentes estarán uniformados, e viaxarán e traballarán cun vehículo oficial da Policía Local do Barco debidamente rotulado e equipado.

Artigos relacionados

Back to top button