En portadaÚltima hora

Tres policías locais do Barco, en Massanassa: “Coa presenza policial na rúa evítanse actos delictivos e pillaxe”

Están a realizar dende o pasado domingo labores de vixilancia e prevención, principalmente, neste municipio valenciano gravemente afectado pola DANA

 

Chegaban a Massanassa (Comunidade Valenciana) na noitiña do 10 de novembro. E, pouco despois, tres policías locais do Barco entraban xa de servizo nesta cidade, unha das zonas máis afectadas pola DANA, para realizar labores de vixilancia, prevención e para calquera outra tarefa que se lles requira. O escenario co que se atopaban era devastador. “É terrible o nivel de devastación. Quedaron destruídas as vivendas dos baixos e os negocios… parece que sufriran unha guerra. Todos os veciños do municipio perderon os seus coches, porque tanto os que estaban na rúa como os dos garaxes, danáronse. Hai cemiterios enteiros de vehículos, é tremendo…”, din.

A iniciativa de desprazarse ata alí para prestar axuda á poboación xurdía deles mesmos. Un dos axentes barquenses contactaba coa Policía Local de Massanassa, quen lles trasladaba a gran necesidade de apoio que tiñan. A partir de aí, o xefe de Policía Local de Massanassa facía unha solicitude oficial a través dun correo electrónico, dirixido ao Concello do Barco e que resultaba aceptada. “Nós viñemos en comisión de servizo aprobada polo Concello, que tamén sufraga os gastos da estancia, pero estamos aquí de forma voluntaria e collendo os nosos días libres”, explican. Ademais os axentes viaxaban e están a traballar cun vehículo oficial da Policía Local do Barco e patrullan co seu uniforme oficial.

Desenvolven, principalmente, labores de vixilancia como policías e, sobre todo, de prevención. “Nos primeiros días aínda chegaba o barro ata os xeonllos e os amigos do alleo saquearon moitas das empresas do polígono, que é enorme, e os grandes supermercados de aquí. Entón centrámonos en facer vixilancia, que vexan moita luz azul por aí circulando e moito uniforme para evitar pillaxes”, contan.

 

 

Pero a súa actuación vai moito máis alá diso. “Por exemplo, pedíronnos axuda para colocar un termo enorme, pois botamos unha man. Que hai que levar a catro médicos ao hospital de Valencia dos que estaban aquí no ambulatorio, pois tamén. Estamos para botar unha man no que faga falta, para levar comida, medicamentos ou persoas, para coller un cepillo ou unha pa nun determinado momento… o que sexa necesario”.

Nestes días, proseguen, coincidían con multitude de policías locais de diferentes puntos de España neste municipio valenciano. Pero o martes 12 de novembro marchaban os de Madrid e Toledo, por un problema de coordinación política, e quedaban sós patrullando “a patrulla barquense, a da Policía Local de Massanassa e a Policía Nacional, que agora teñen moitas unidades”.

Os tres axentes da Policía Local do Barco tamén resaltan a solidariedade que se vive nas rúas, cunha gran cantidade de “xuventude, de grupos de mozos voluntarios, que se poñen os EPIs e collen cepillos e pas para traballar, tanto nos garaxes e nas vivendas particulares, como nas rúas. Isto é o máis bonito desta situación”. Comentan que agora en Massanassa tamén se ve ao exército, que está intentando limpar, desatascando. “Este é outro gran problema que teñan agora no municipio porque este barro, cando se seca, convértese nunha auténtica pedra. Por iso, por abaixo, nos sumidoiros, teñen que desatascar toda a rede de saneamento xa que, se non o fan pronto, e vén chover moito, tes inundado todo isto outra vez”. Tamén vían Vimos aos efectivos da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) con cisternas e motobombas desenvolvendo tarefas para desatascar e persoas doutras entidades como a Deputación de Guadalaxara, entre outras.

 

 

Malia á dureza e gravidade da situación, están contentos de ter tomado a decisión de ter vido a axudar a este municipio valenciano, pegado a outros tamén gravemente afectados pola riada como Catarroja, Alfafar ou Paiporta, tanto, que ata comparten rúas. “Aínda que parece ás veces que non fas nada, si o fas, porque soamente con ter presenza nas rúas xa evitas que se faga algo malo. Este é o traballo de prevención, que é importantísimo, pero non se ve. De feito, dende que se moven tantas patrullas de policía pola rúa, xa non hai pillaxe, e antes, isto era un despropósito polo que contaban os compañeiros de Massanassa”.

Estes tres axentes barquenses amosan o seu agradecemento “á Policía Local de Massanassa, que son uns compañeiros magníficos”, e tamén ao Concello do Barco, “que accedeu a que puidesemos vir”. Na mañá do venres 13 de novembro iniciarán a viaxe de volta a Valdeorras, para reincorporarse ao servizo no Barco. Entre tanto, continuarán traballando as horas que poidan para seguir dando apoio á poboación valenciana, da que destacan a súa gran acollida. “Están sumamente agradecidos de todo o que se fai”.

E cren que nestas zonas valencianas a volta a unha relativa normalidade vai tardar. “Vai para moi longo ata que teñan un mínimo de seguridade nas súas empresas, nos seus locais, nas súas vivendas… Aínda queda tempo. Tamén necesitan que isto non sexa cuestión de unha, dúas, tres… semanas, senón que siga vindo xente a colaborar”.

Fotos cedidas.

 

Back to top button