ConcellosÚltima hora

Trives acollerá un pleno do Consorcio da Ribeira Sacra no que se integrará nesta entidade xunto a outros 4 concellos

 

O Concello de Trives vén de que informar de que o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra celebrará un pleno o vindeiro xoves nesta vila para formalizar a incorporación deste municipio á organización, así como os de Pereiro de Aguiar, San Xoán de Río, Manzaneda e Chandrexa de Queixa. En total, coa incorporación destes 5 novos concellos, todos ourensáns, o Consorcio da Ribeira Sacra pasará a estar integrado por 25, dos cales 13 son ourensáns e 12 da provincia de Lugo.

O Consorcio é unha entidade creada no ano 2005 polos concellos dos municipios da Ribeira Sacra a ambos lados do río, co obxectivo de promocionar e desenvolver a zona como destino turístico e cultural. Forman parte desta entidade A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, Castro Caldelas, Montederramo, Xunqueira de Espadanedo, Esgos e, a partir de agora, A Pobra de Trives, Pereiro de Aguiar, San Xoán de Río, Manzaneda e Chandrexa de Queixa, por parte de Ourense. E por parte de Lugo: Portomarín, Taboada, Chantada, Carballedo, O Saviñao, Pantón, Sober, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, Quiroga e Paradela

A Pobra de Trives iniciou os trámite para mudar do Xeodestino de Valdeorras ao da Ribeira Sacra fai xa case 4 anos, cumprindo así un compromiso da actual alcaldesa e que corrixe un error considerado histórico por gran parte de poboación trivesa, que foi o da inclusión desta localidade no xeodestino da tamén veciña comarca de Valdeorras. De feito, sempre se considerou unha contradición que sendo Trives parte da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, pertencese como destino turístico á comarca de Valdeorras.

“Precisamente, estra contradición foi un dos principais argumentos esgrimidos polo goberno local de Trives para solicitar a revisión do xeodestino, petición á que a continuación se sumaron os concellos de San Xoán de Río, Pereiro de Aguiar, Manzaneda e Chandrexa de Queixa. Unha vez acadado este obxectivo, o paso seguinte era a incorporación ao Consorcio, que de novo foi solicitada pola alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez e que se formalizará o próximo xoves. A partir de entón, Trives se converterá no novo tesouro da Ribeira Sacra con toda a súa riqueza patrimonial, etnograstronómica e paisaxística”, segundo indica o Concello de Trives.

Entre as funcións do Consorcio destacan a xestión do Centro de interpretación da Ribeira Sacra, a promoción turística e cultural da comarca, a organización de eventos e actividades culturais e a cooperación entre os municipios integrantes. A inclusión de Trives na organización permitirá “fortalecer a colaboración entre os distintos municipios e reforzar a oferta turística e cultural da comarca, así como ampliar notablemente a propia oferta turística do Consorcio, pois a riqueza patrimonial, gastronómica, etnográfica e paisaxística de Trives é evidente. É, polo tanto, un gran paso para o fortalecemento recíproco do turismo e a cultura en todo o ámbito da Ribeira Sacra”, din dende o Concello de Trives..

Artigos relacionados

Back to top button