
O Concello da Pobra de Trives informa de que, con motivo das festas do Entroido 2025, ampliarase en dúas horas o horario de peche dos espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público durante as noites desta celebración.
“Esta medida aplicarase desde o vindeiro xoves 27 de febreiro, Xoves de Entroido, ata o mércores 5 de marzo, Mércores de Cinza, permitindo así un maior desfrute das celebracións tradicionais que enchen de cor e alegría as rúas de Trives nestas datas tan sinaladas”, segundo indica o Concello.
Entre os eventos destacados do Entroido trivés, o luns 3 de marzo terá lugar o Entroido Infantil, unha xornada especialmente dedicada aos máis pequenos, con actividades lúdicas e festivas. Ademais, o mércores 5 de marzo celebrarase o tradicional Enterro da Sardiña, organizado pola Asociación A Caniceira, poñendo o broche final a esta festividade con humor e sátira, como marca a tradición.
O Concello da Pobra de Trives convida a toda a veciñanza e visitantes a participar activamente nestas festas, gozando dun Entroido seguro, responsable e cheo de diversión.