ConcellosTrivesÚltima hora

Trives atende no último mes “demandas priorizadas polos veciños en 5 aldeas”

Arranxáronse camiños e beirarrúas en Mendoia, A Encomenda e Navea e as estradas que van dende este último punto á subestación eléctrica e de Pareisas á Estación de Montaña

Imaxe da Encomenda (Trives)./ Cedida.

 

O Concello da Pobra de Trives atendeu nas últimas semanas demandas priorizadas polos veciños e veciñas en cinco localidades do municipio e no marco do seu Plan de Mellora de Infraestruturas Viarias, tal e como se vén de informar dende esta administración local. “Trátase, en algúns casos, de peticións que se remontan anos atrás e que coa súa execución mellorarán a calidade de vida da poboación. Unha destas actuacións foi o arranxo dun camiño en Valcendón, Mendoia, para o acceso ás fincas agrícolas. As imaxes do antes e do despois falan por si mesmas”, aseguran dende o grupo de goberno trivés.

Tamén no último mes levábanse a cabo varias obras en Navea. Os traballos realizados nunha das súas beirarrúas “evitarán as filtracións de auga que causaban molestias á poboación. Ademais, para evitar que estes problemas de filtracións afecten a outros puntos do núcleo, construíuse un muro encofrado e colocouse unha rede para maior seguridade da veciñanza, que solicitou a execución destes traballos. Tamén en Navea arranxouse unha rúa que se atopaba nun grave estado de deterioro”, indica o equipo de goberno trivés.

Nestes días estase a traballar no barrio da Encomenda, concretamente na limpeza previa e o asfaltado en varias vías de Aceboso e Souto. Antes de comezar as obras, “celebrouse unha reunión cos veciños e veciñas e decidiuse que as actuacións nestes dous puntos serían as máis urxentes a levar a cabo. Segundo se asegurou neste encontro, estas vías levaban ao redor de dúas décadas sen mantemento”, sinalan dende o grupo de goberno. Para poder levar a cabo a actuación o Concello de Trives ten solicitado unha subvención que alcanza os 48.000 euros.

Estas actuacións súmanse ás levadas a cabo en dúas estradas. Mellorouse a vía entre Navea e a subestación eléctrica e a que cruza Pareisas á Estación de Montaña. Neste punto volverase a actuar próximamente, tal e como se asegurou dende o executivo local. Para estas dúas últimas actuacións obtívose unha subvención de máis de 75.000 euros.

Artigos relacionados

Back to top button