ConcellosSan Xoán de RíoTrivesÚltima hora

Trives e Río, primeira Startup Village de España baixo a marca “Navea-Valley”

Trátase dunha rede de pequenos lugares que adoptan a innovación e o emprendemento como unha forma de apoiar o benestar das zonas rurais e potenciar o desenvolvemento das zonas rurais

 

A Pobra de Trives e San Xoán de Río acaban de ser validados pola Unión Europea como a primeira Startup Village de España e a decimocuarta de Europa, baixo a denominación de Navea Valley-Val do Navea, así o vén de anunciar o Concello trivés.

“Esta decisión da Unión Europea supón, por unha parte, un espaldarazo á colaboración entre estes dous concellos, pero sobre todo é un recoñecemento ao esforzo de ambos por adoptar a innovación e a ambición empresarial como unha forma de desbloquear o potencial de desenvolvemento e apoiar o benestar nas zonas rurais”, tal e como indica o grupo de goberno trivés.

Así mesmo, esta administración local indica que as zonas rurais de Europa son “un mosaico de actividades e paisaxes, proporcionan alimentos, vivenda, empregos e servicios esenciais. Para garantir que poidan seguir desempeñando estas funcións, unha iniciativa da Comisión Europea define diferentes ámbitos de intervención, ata o ano 2040, co fin de fomentar unhas zonas e comunidades rurais máis fortes, conectadas e prósperas. O Pacto Rural e o Plan de Acción Rural da UE contribuirán a acadar estes obxectivos”.

Con este mesmo fin, no marco da Comisión Europea, nacen as Startup Village. Trátase dunha rede de pequenos lugares que adoptan a innovación e o emprendemento como unha forma de apoiar o benestar das zonas rurais e potenciar o desenvolvemento das zonas rurais.

“Tendo en conta que A Pobra de Trives e San Xoán de Río contan cunha alta porcentaxe de titulados universitarios, os executivos locais agardan de que esta iniciativa contribúa a atraer talento e a traballar da man de emprendedores para que os veciños e veciñas melloren a súa calidade de vida. Internet de alta velocidade en todo o territorio e unha comunidade de estudantes da Universidade do Rural contribuirán a atraer novos negocios”, segundo o Concello de Trives.

Para a súa alcaldesa, Patricia Domínguez, a aprobación deste proxecto por parte da Comisión Europea “supón o impulso decisivo na aposta pola creación de sinerxías na consecución de oportunidades de traballo de calidade. Constitúe a resposta a un dos principais problemas do rural como é a despoboación, permitindo revertir os seus efectos nos municipios da comarca”.

Xosé Miguel Pérez, alcalde de San Xoán de Río, sinala que a iniciativa “permitirá atraer talento e emprendedores á zona, un feito que debería beneficiar a nosa poboación e ser un efecto chamada para quen queira emprender no rural”.

Artigos relacionados

Back to top button