ConcellosTrivesÚltima hora

Trives instala dous bancos con mensaxes feministas ao carón do mural da Praza da Igualdade

O monólogo de Hermen e Hildo e a proxección do documental “Amanezca” de Lucía Álvarez completan o programa elaborado polo Día da Muller

 

Na Praza da Igualdade da Pobra de Trives xa locen os dous novos bancos morados con mensaxes feministas instalados con motivo do 8M. Con esta actuación, o Concello pretende “reivindicar os dereitos dan mulleres neste espazo tan significativo no que xa podía verse dende o 2021 un mural pintado por Mamen Bazarra, La niña del arcoíris, en recordo ás vítimas de violencia de xénero”, indican dende o grupo de goberno local.

A inauguración levarase a cabo mañá, 8 de marzo, a partir das 12.00 horas. Nos bancos poden lerse mensaxes de Eduardo Galeano e Simone Weil. Tamén se instalará unha pancarta conmemorativa e alumeado violeta na Casa do Concello para dar visibilidade á loita pola igualdade.

A programación do 8M elaborada polo Concello da Pobra de Trives estenderase durante a fin de semana. O sábado 9 de marzo, a partir das 19.00 horas, ofrecerase no Auditorio o monólogo de Hermen e Hildo, para todos os públicos a partir de 3 anos.

O domingo 10 de marzo levarase a cabo a proxección e o coloquio do documental “Amanezca” de Lucía Álvarez. Será no Auditorio a partir das 19.00 horas.

Con esta programación o Concello da Pobra de Trives pretende seguir traballando “en favor da igualdade e dar visibilidade a unha loita que debe implicar a toda a sociedade”. Por iso anímase a toda a poboación a participar no programa de actividades.

Artigos relacionados

Back to top button