En portadaÚltima horaVídeos

Trives, Manzaneda, Río, Chandrexa e O Pereiro de Aguiar entran no Consorcio de Turismo Ribeira Sacra nunha emotiva sesión

O pleno deste organismo aprobaba a súa incorporación nun pleno extraordinario na casa consistorial trivesa

 

“Somos máis e somos máis fortes, sen dúbida ningunha, todos sumamos, uns concellos terán unha serie de recursos e outros terán outros, pero todos sumamos. Por iso debemos estar de noraba os que xa estabamos e os que vos incorporades”. Con estas palabras o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e alcalde de Sober, Luis Fernández Guitán, daba á benvida aos novos concellos que se incorporan a esta entidade:  A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, O Pereiro de Aguiar e San Xoán de Río. Facíao nada máis rematar, entre aplausos, o pleno extraordinario que o consorcio celebraba esta mediodía no Concello de Trives.

A sesión tiña unicamente dous puntos na orde do día: a aprobación da acta da sesión anterior (celebraba en febreiro na Pobra do Brollón) e modificación dos estatutos do consorcio no apartado que se refire á composición para incorporar a cinco novos concellos. Ambos saían adiante.

 

 

Deste xeito agora forman parte do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra os municipios de Portomarín, Chantada, Taboada, Carballedo, O Saviñao, Pantón, Sober, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, Quiroga, Paradela e Bóveda na provincia de Lugo e dos concellos da Peroxa, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, Castro Caldelas, Montederramo, Xunqueira de Espadañedo, Esgos, Pereiro de Aguiar, A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa, Manzaneda e San Xoán de Río na provincia de Ourense, xunto coa Asociación Ribeira Sacra Rural e o CRDO Ribeira Sacra (cuxo novo presidente, Antonio Lombardía, se estreaba neste pleno). Equipárase así a delimitación territorial da entidade co novo mapa de xeodestino aprobado por Turismo de Galicia o pasado ano e incorpóranse os Concellos integrados no BIC Paisaxe Cultural Ribeira Sacra.

 

 

Tras a votación do consello reitor, tomaron a palabra a alcaldesa e os alcaldes dos concellos incorporados. Todos eles fixeron fincapé no agradecemento pola acollida nun xeodestino referente en Galicia que leva anos de traxectoria, con plena disposición a traballar e a poñer os recursos dispoñibles ao servizo do consorcio. A palabra “sumar” foi o máis reiterado das súas intervencións.

“Este é un día importante para nós, levamos xa na D.O. máis dunha década e isto era un vello anhelo que tiñamos de entrar na Ribeira Sacra. Nós estabamos no Xeodestino de Valdeorras, ao que lle agradecemos a colaboración que tiveron con nós todos estes anos, sempre dispostos tamén a axudar, pero sentímonos máis integrados nesta zona. Grazas aos compañeiros que traballaron arreo para que fora posible. Imos pór todo da nosa parte para que isto funcione e para que, en vez de ser unha rémora, sexamos máis empuxando para que o consorcio siga medrando e que entre todos o fagamos máis grande”, dicía o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, o primeiro en tomar a palabra. De maneira semellante se manifestaba o alcalde de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez, “imos estar aquí para arrimar o ombro e traballar todos xuntos”.

 

 

Deseguido o rexedor de Río, Xosé Miguel Pérez, lembraba os primeiros pasos que se daban hai catro anos de cara a conseguir este obxectivo, hoxe cumprido.  “Chamounos Patricia, alcaldesa de Trives, dicindo que ían solicitar a entrada no Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e do Xeodestino e ao momento xa lle dixemos que si, non sabiamos como facelo, axudounos ao principio e algo que parecía moi sinxelo e que ía estar no 2019  acabou por prolongarse 4 anos nos que fixemos o que puidemos. Río foi o único concello de Galicia que se quedou fóra dos xeodestinos, nós decidimos que coa Ribeira Sacra ou con ninguén”. E concluía asegurando que “vimos aquí para sumar e complementar, non a quitarlle nada a ninguén, senón para traballar e agora podemos dicir alto e claro que somos Ribeira Sacra con todos os dereitos e deberes”.

 

 

“Para Pereiro hoxe é un día histórico, como para o resto, pero nós entendemos que se nos fai xustiza con algo que se nos quitou. Pereiro foi fundador da Asociación de concellos da Ribeira Sacra en Ourense, presidiuna, pero nun momento determinado por unha decisión política se nos sacou de aquí, pero o noso sitio é a Ribeira Sacra”, destacaba Luis Menor, alcalde do Pereiro de Aguiar, “un concello, por sorte para nós, atípico en crecemento poboacional, cun desenvolvemento importante, seremos os terceiros en poboación dos que nos incorporamos e creo que incorporamos un potencial moi importante á Ribeira Sacra, como todos sumamos”.

 

 

Finalmente, a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, comentaba emocionada que “este é un día especialmente importante para Trives, histórico, e sobre todo no meu corazón. No 2019 un grupo de persoas comezamos un soño que era dotar de xustiza a esta terra e corrixir un erro histórico: incorporarnos ao que é a Ribeira Sacra. Custounos moito traballo, levounos máis tempo do que nós desexabamos e esperabamos, pedimos no 2019 o cambio no Xeodestino, conseguímolo o ano pasado e agora por fin se fai realidade esta incorporación ao consorcio. Estamos certos de que todos os concellos e os empresarios do consorcio van aportar moitísimo a este pobo, pero este pobo e esta comarca e os concellos que nos incorporamos imos aportar moito tamén, prometendo traballar man a man”. Ademais facía unha mención especial aos adegueiros triveses “xa que o feito de pertencer á D.O. Ribeira Sacra foi un dos argumentos principais que esgrimimos na Xunta para pedir o cambio nos Xeodestinos, xunto con outros elementos patrimoniais”.

 

 

Deste xeito resultaba unha sesión moi emotiva, especialmente para os recén incorporados e que remataba coa artista María do Ceo interpretando o himno á Ribeira Sacra.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button