ConcellosTrivesÚltima hora

Trives premiará aos usuarios máis activos do servizo de préstamo de bicicletas eléctricas

O Concello recibe as catro primeiras unidades dun servizo de mobilidade sostible que seguirá ampliando e para o que aprobará unha normativa de uso

 

O Concello da Pobra de Trives vén de recibir as catro primeiras bicicletas eléctricas coas que se porá en marcha un servizo de préstamo que favorecerá a mobilidade sostible e que espera seguir ampliando. As bicicletas, da marca Tenways e dos modelos AGO T e AGO X, contan cun moderno sistema que permitirá contabilizar as emisións de CO2 que se evitan e as árbores que se salvarán coas pedaladas. Para estimular que a veciñanza as empregue para os seus desprazamentos habituais, premiarase aos usuarios máis activos, tal e como vén de facer público o Concello.

As bicicletas conta cunha autonomía de entre 80 e 120 quilómetros, polo que se agarda que os visitantes tamén as escollan para coñecer os diferentes paraxes da Pobra de Trives. O Concello establecerá unha normativa de uso e unha vez aprobada os usuarios poderán solicitar as bicicletas que se instalarán no ximnasio de Santa Leonor, no mesmo edificio da Oficina de Turismo.

Para levar a cabo o proxecto, a Xunta de Galicia aportou 9.915 euros e o Concello da Pobra de Trives un total de 4.470 euros. “O servizo de préstamo de bicis permitirá levar a cabo un plan de mobilidade sostible no concello, ao mesmo tempo que se ofrece á cidadanía a posibilidade de practicar deporte e coñecer o entorno. Optouse así pola adquisición de bicis que gozan de gran autonomía e que permitan facer percorridos por todo o municipio dun xeito respectuoso co medio ambiente. Trátase de involucrar a poboación de diferentes idades”, aseguran dende o grupo de goberno.

Coa adquisición deste material deportivo “favorécese que as persoas de maior idade dispoñan de bicicletas eléctricas que lles permitirán o goce do medio ambiente dun xeito saudable e a mellora das súas condicións físicas”, resaltan dende o Concello.

Artigos relacionados

Back to top button