Teatro, conferencias, actividades micolóxicas, obradoiros paseos na natureza… O Concello da Pobra de Trives vén de presentar o seu programa para este outono, un conxunto de actividades para todos os públicos e organizadas tanto por esta entidade municipal como por diversas asociacións da vila.
Nese abano de propostas figuran o Día da Muller Rural, o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, Día Internacional dos Dereitos do Neno ou Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller.
Haberá ademais propostas teatrais para grandes e pequenos como é o caso de “Filipa cos contos. Mar adiante!” o 27 de outubro ou “Loló e Mamá” o 23 de novembro, ou neste mesmo mes o magosto cun programa de actos e concursos, obradoiros para o público miúdo… Tamén se inclúen neste programa actividades que veñen da man de distintas asociacións como son as Xornadas Micolóxicas do Club de Montaña Trives ou os Cantos de Taberna da Asociación Cultural A Caniceira.