ConcellosTrivesÚltima hora

Trives promove unha nova edición do Programa Adelaida para a promoción da igualdade

Exterior do Concello de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tendo en conta os bos resultados obtidos en anos anteriores, o Concello da Pobra de Trives vén de impulsar unha nova edición do Programa Adelaida para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero. “Nesta ocasión, ademais de dar continuidade aos obradoiros e formación especializada, incorpóranse novos eixos de actuación e refórzanse os existentes con actuacións destinadas á mellora da calidade de vida, da autoestima e do empoderamento das mulleres en situación de especial vulnerabilidade”, segundo avanza o grupo de goberno trivés.

A iniciativa, organizada polo Concello e que conta co financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, inclúe actuacións novidosas, á vez que se seguen a desenvolver servizos e plans de formación amparados pola boa acollida entre as mulleres participantes en pasadas edicións. Así, séguese ofrecendo o servizo de asesoramento xurídico, psicolóxico e laboral, completando este último ámbito con atención psicolóxica e xurídica, facilitando unha asistencia completa e integral adaptada ás necesidades e inquedanzas das participantes.

 

 

 

Punto de información para unha despensa saudable

No marco do asesoramento e a orientación proponse un punto de información de hábitos saudables para as mulleres e atendido por psicólogas e unha fisioterapeuta especializada en nutrición. Informarase ás interesadas sobre a necesidade dunha despensa saudable para adquirir bos criterios á hora de contar cunha despensa sinxela e surtida con produtos sans. Detallaranse así os alimentos que contribúen a unha dieta equilibrada que mellora a saúde.

Neste programa Adelaida tamén cobran gran relevancia os obradoiros, especializados. Debido ás características concretas do concello da Pobra de Trives, estes divídense en tres liñas de intervención: A saúde e o benestar con perspectiva de xénero; a idade e a ruralidade dende a perspectiva de xénero e a orientación para a inserción laboral, especialmente maiores de 45 anos.

Ao igual que en pasadas edicións, levaranse a cabo encontros grupais e visitas a empresas a institucións nas que se desenvolven proxectos singulares para a empregabilidade.

Nesta terceira edición, o programa Adelaida fai especial fincapé na saúde e na autoestima das mulleres e en atender a situación concreta daquelas maiores do rural, debido a que o 40 % da poboación da Pobra de Trives ten máis de 65 anos, tramo onde se detecta a feminización.

Artigos relacionados

Back to top button