Dende os Concellos de Trives, San Xoán de Río e Manzaneda vén de confirmarse un novo caso de coronavirus nesta zona, co que xa son cinco os positivos rexistrados ata o momento. “Trátase dunha persoa que estivo en contacto directo cun dos afectados antes do confinamento. Presenta sintomatoloxía leve e atópase gardando corentana na súa casa”, segundo a nota emitada polos concellos.
Ademais informan de que continúan á espera de resultados de varios tests de persoas desta cadea de contactos. “Esta información confirma que a carga vírica é de baixa intensidade, xa que todos os casos presentan sintomatoloxía leve”, matizan os concellos.
Así mesmo, os Concellos de Trives, San Xoán de Río e Manzaneda apelan “á calma da poboación e a extremar as medidas de prevención”.