Concellos

Último adeus a Teodoro Suárez, gran camiñante, amante das rutas xacobeas, da natureza e da fotografía

 

Coa cámara de fotos e móbil na man, a mochila ás costas e o bastón para facer camiño, Teodoro Suárez López levaba percorridos, e varias veces, todos os Camiños a Santiago. O Francés, o Primitivo, o da Costa, o do Manzanal,… e por suposto o de Inverno, do que foi o gran sinalizador. Chovera ou nevara, nada o detiña, ata agora.

Neste mes de outubro falecía “Teo”, creador, conservador e camiñante das rutas xacobeas, membro da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras dende moito antes do seu recoñecemento oficial e gran defensor e amante da natureza que tamén fotografaba a menudo.

Malia ser leonés, dun pobo cercano a Astorga, residía dende hai moitos anos na Pobra de Trives, baixando con moita frecuencia ata Valdeorras onde tamén deixou a súa pegada, no Camiño de Inverno pero moi especialmente entre os apicultores, loitando dende hai tempo contra plaga da velutina. “Foi durante moito tempo secretario da Asociación. Persoa servicial, colaboradora e moi activa á que os apicultores lle debemos moito”, di un emocionado e afectado presidente da Asociación Valdeorresa de Apicultores, Armando Rodríguez, que lamenta profundamente o seu pasamento. “Que o señor Santiago e a ‘Abella Raíña’ te reciban e leven diante do Altísimo”, desexa como despedida.

 

 

Activo nos últimos tempos nas redes sociais, Teo compartía dende o Facebook imaxes tomadas na súa particular ruta Por los Rincones de España, retratando campos, montes, casas,… Tamén sorprendía aos seus contactos con fermosas imaxes de flores cada primeiro de mes.

Persoa xenerosa era colaborador do Periódico O SIL, compartindo fotografías e informacións que consideraba de interese para a poboación. Dende novas e descoñecidas rutas, crecidas do río, as primeiras neves ata os efectos do xeo na paisaxe, reunións ás que non podiamos asistir,… Os que o coñecimos e aprezamos sentimos hoxe a súa perda.

Descansa en paz e bo camiño!

 

Back to top button