
Despois dun longo traballo de análise das 772 fotos presentadas no XIV Concurso de Fotográfico Rosa Pons, convocado polo Concello de Parada de Sil, o seu xurado, composto por Luís Baños, Fernando Sacó e Xosé Antón Vázquez; vén de emitir o seu fallo.
A foto gañadora da sección de Visións de Parada de Sil foi “Unha Xanela á Natureza” do fotógrafo de Barbadás José Manuel Novoa Blanco, ao que lle corresponde un premio de 800 euros, quedando en segundo lugar a foto “Mar de Néboa” do fotógrafo ourensán Víctor Manuel Fernández Díaz cun premio de 300 euros. Nesta sección presentáronse 90 fotos das cales a maior parte foron da provincia de Ourense.

No apartado de tema libre, o gañador foi Eduardo Moody Silveira de Bahía, Brasil coa foto titulada “ O Brasil da AÇAÏ” que recibirá un premio de 700 euros, queando en segundo lugar o gaditano Francisco Javier Domínguez coa foto titulada “Quietud”, cun premio de 200 euros.

Salienta o xurado que, a parte de presentarse fotos de todas a comunidades autónomas, tamén cidadáns de Colombia, Brasil, Cuba, Romanía, México e Mozambique participaron cos seus traballos. “Isto amosa que o concurso está totalmente consolidado”, segundo indican os organizadores.
O alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, agradece o traballo desinteresado do xurado e tamén quere dar as grazas. unha vez máis, ao empresario de Parada de Sil, afincado en Barcelona, Camilo Yañez polo finanzamento dos premios.
O acto de entrega de galardóns terá lugar no salón de plenos do concello o día 26 de agosto ás 19 horas, coa presenza do patrocinador.
