OurenseÚltima hora

Un camión sae da vía e choca contra unha casa en Listanco prendendo lume

O condutor, de 32 anos e veciño de Maside, resultou ileso e todo apunta a que as causas do sinistro sexan por un movemento da carga do vehículo articulado
O camión chocou contra unha parte deshabitada da casa. // Foto: Guardia Civil de Tráfico.

Un camión saíu da vía e chocou contra unha casa na travesía de Listanco. O suceso, segundo apuntan fontes da Guardia Civil, foi cara ás tres da tarde de hoxe, 2 de maio, no punto quilométrico 19 da N-514 (Ourense- Pontevedra), ao seu paso polo núcleo de Listanco.

Segundo informaron dende o instituto armado, o vehículo articulado, “composto pola cabeza tractora e un semirremolque”, saíu da vía e chocou contra a parte deshabitada dun inmoble “prendendo lume e quedando totalmente calcinado o tráiler”, apuntaron, quedando o condutor, Esteban C.J. de 32 anos e veciño de Maside (Ourense) totalmente ileso. En canto á carga que transportaba, consistía en aceiro procedente da factoría de Citroën de Vigo e con destino Bilbao.

Dende a Guardia Civil aseguran que, por causas que están a ser investigadas polo Grupo de Atestados do Subsector de Tráfico, o condutor perdeu o control do vehículo na curva anterior “e rematou por saír pola marxe esquerda en sentido da súa marcha”. Os axentes confirman que o condutor declarou que a carga puido moverse, provocando esa perda de control.

Dada a magnitude do sinistro, foi preciso mobilizar dúas patrullas de motoristas do destacamento de Ourense para poder regular a circulación, creando un paso alternativo porque a posición final do vehículo sinistrado mantivo completamente cortado o carril en sentido a Pontevedra.

Tamén foi necesaria a intervención do GRUMIR de O Carballiño, que realizou as tarefas de extincións das lapas e evitou que as mesmas se propagasen polo resto do inmoble. Canda eles, traballou un retén de conservación, mantemento e limpeza da vía.

Artigos relacionados

Back to top button