O animado son dunha charanga marcaba o comezo da oitava edición do “Viñotapeo” de Quereño (Rubiá). Máis de 500 persoas dábanse cita a partir das oito da tarde nesta celebración que fusiona a gastronomía e o viño coa festa, nun singular percorrido por esta localidade.
Antes mercaban, ao inicio da localidade, a entrada cun prezo de 10 euros. Con ela recibían unha cunca para facer o traxecto gastronómico, e tamén un agasallo, neste caso un pano vermello. A ruta dende ese mesmo punto e íase detendo, seguindo os pasos da charanga Badiños Band da Baixa Limia, en cada unha das adegas situadas nos barrios participantes, que nesta edición eran as do Barrio do Regueiro, A Currelada, O Quintairo, A Igrexa, As Cortiñas, A Teixeira, A Estación I, A Estación II, A Estación III e a Estación IV.
Completado o traxecto, pasadas as once da noite, servíase café e bica para os participantes na zona da pista. Ademais había unha fin de festa con discomóbil. Esta singular celebración está organizada, un ano máis, pola Comisión de Festas de Quereño coa especial colaboración da veciñanza desta localidade valdeorresa.
Fotos: A.R./ cedidas.
