ConcellosQuirogaÚltima hora

Un congreso e a dobre ubicación, novidades da XXV Mostra do Aceite de Quiroga, en marzo

Foto: Concello de Quiroga.

 

A celebración do “II Congreso do Aceite de Oliva de Quiroga” e a dobre localización son algunhas das novidades que vén de facer públicas a organización da XXV Mostra do Aceite de Quiroga. A comisión organizadora, composta polo alcalde de Quiroga, José Luís Rivera; por produtores de aceite e técnicos municipais, quere neste 25 aniversario do evento darlle o recoñecemento que o aceite quirogués se merece.

Os días 29 e 30 de marzo son as datas fixadas para esta celebración, coa que se abrirá o II Congreso do Aceite de Oliva de Quiroga. O primeiro congreso tiña lugar no ano 2020, cando por mor da pandemia Covid finalmente non foi posible realizalo presencialmente como estaba previsto e optouse por levalo a cabo a través de videoconferencia. Neste segundo congreso, programado para o sábado 29 no Auditorio Municipal, contarase con persoas de renome no mundo do aceite nacional. O congreso rematará coa degustación de petiscos elaborados con aceite de Quiroga.

A outra das grandes novidades é a dobre localización. Na xornada do domingo os postos de venda situaranse na praza do Auditorio Municipal e realizaranse actividades aproveitando as instalacións municipais que a rodean, o Museo Etnográfico, o Albergue Municipal e o propio Auditorio. Pero tamén funcionará o Muíño de Aceite de Bendilló, para que os visitantes poidan seguir coñecendo a elaboración tradicional do aceite. Para facilitar o desprazamento dende as 11:00 ata as 14:00 horas sairá un autobús cada hora entre a vila quiroguesa e o muíño de aceite.

Continuando coas activades previstas, o domingo para o 25 aniversario da mostra, por primeira vez contarase cun pregón que enxalce as cualidades no aceite de oliva de Quiroga e un showcooking, unha demostración culinaria con explicacións do que se está realizando.

Programáronse tres degustacións de aceite de Quiroga comentadas –dúas pola mañá e unha pola tarde- nas instalacións do Museo Etnográfico, que contará cunha xornada de portas abertas con visitas guiadas. E rematarase o día cunha actuación musical.

Back to top button