“Geisha” é o título dun debuxo, feito con pluma de inmersión e tinta chinesa, que está dando moitas alegrías ao seu autor, o valdeorrés Rubén Álvarez Diéguez. Primeiro, esta obra era seleccionada para formar parte da exposición “The MEAM Hall: 4ª edición”, que se inauguraba o 27 de outubro do pasado ano no Museu Europeu d’Art Modern (MEAM) de Barcelona. Alí poderá verse ata o 28 de xullo.
E agora este debuxo vén de ser recoñecido coa Mención Honorífica de Debuxo no Concurso de Arte PleinAir Salon Online Art Competition do mes de xaneiro. Trátase dun concurso que reúne a artistas de todo o mundo e no que cada mes se seleccionan as mellores obras por categoría, cuxos autores pasarían a unha fase final na que poden optar a un premio anual de 50.000 dólares.
Neste caso o valdeorrés non está entre os ganadores do mes, pero a calidade do seu traballo foi distinguida con esta mención por parte de xuíza do concurso e tamén artista, Lisa Skelly. “Non fun dos ganadores, pero para min esta distinción é moi importante porque esta é unha competición a nivel mundial na que en xaneiro participaban 1.074 obras de 395 artistas de 29 países. A competición é en Estados Unidos. Entón isto para min, como artista autodidacta, supón un empurrón moi grande pola valoración que se fai do meu traballo, estou moi contento”, asegura Rubén Álvarez.
Fotos cedidas.