EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Un estudo do Eixo Atlántico aborda estratexias enoturísticas diferenciadas para Valdeorras e a Ribeira Sacra

O informe, presentado na Deputación de Lugo, propón novas experiencias ao redor do viño, a paisaxe, o patrimonio e a gastronomía para prolongar as estancias, atraer visitantes durante todo o ano e xerar actividade económica nos territorios

 

O Eixo Atlántico presentaba esta mañá na Deputación de Lugo o informe “Propostas de acción para o enoturismo en Galicia e Rexion Norte de Portugal” sobre o potencial do enoturismo nestas dúas zonas da península, con especial atención a Ribeira Sacra e Valdeorras, dous territorios cunha forte identidade vitivinícola e recursos paisaxísticos, culturais e gastronómicos, pero con necesidades e oportunidades diferentes.

Na presentación participaban a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López; Montserrat Cruz, coautora do estudo e vicerreitora do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.

O estudo propón unha folla de ruta para transformar os recursos vinculados ao viño en produtos turísticos máis completos e comercializables, de xeito que a visita a unha adega poida integrarse coa gastronomía, o patrimonio, a natureza, a paisaxe ou a cultura local. O obxectivo é aumentar o tempo de permanencia dos visitantes, favorecer o consumo de produtos do territorio e xerar actividade económica máis aló dos períodos de maior demanda.

Dous territorios, dúas estratexias

O informe expón estratexias diferenciadas para Ribeira Sacra e Valdeorras, adaptadas aos recursos que fan singular a cada territorio. En Ribeira Sacra, a proposta apóiase na combinación de paisaxe, viticultura heroica, patrimonio e recursos naturais. A Denominación de Orixe reúne máis de 96 adegas, máis de 2.000 viticultores e unhas 2.500 hectáreas de viñedo, con 36 adegas visitables. O reto pasa por aproveitar este potencial para ampliar as experiencias vinculadas ao viño e conectalas co resto de recursos turísticos.

En Valdeorras, o informe identifica como elementos diferenciais o Godello, a calidade dos seus viños e o patrimonio asociado ás covas tradicionais. O estudo destaca especialmente iniciativas como “Valdeorras Oculto”, que pon en valor este patrimonio a través de roteiros e experiencias, e propón reforzar a súa programación durante todo o ano para contribuír a reducir a estacionalidade.

En ambos os casos, o obxectivo é converter os recursos vitivinícolas en experiencias turísticas diferenciadas e comercializables, aproveitando a personalidade propia de cada territorio.

Converter o viño nunha experiencia turística

O informe propón ampliar a oferta enoturística para que o viño sexa o punto de partida de experiencias que integren gastronomía, patrimonio, natureza e actividades no territorio.

A folla de roteiro expón:

• Crear e comercializar experiencias e paquetes turísticos que combinen distintos recursos e servizos.
• Distribuír actividades durante todo o ano para reducir a estacionalidade.
• Reforzar a promoción e a identidade dos destinos.
• Incorporar dixitalización, gamificación e novas ferramentas tecnolóxicas.
• Mellorar a formación e o emprendemento no sector.
• Reforzar a cooperación entre administracións, empresas e axentes locais.

A dixitalización permitirá ademais facilitar a información e reserva de experiencias, así como manter o vínculo co visitante despois da súa viaxe.

 

 

Estratexia transfronteiriza: unha oportunidade para os municipios

O estudo analiza tamén o Norte de Portugal para identificar boas prácticas e oportunidades de cooperación, e expón que Ribeira Sacra e Valdeorras desenvolvan produtos propios que, ao mesmo tempo, poidan integrarse nunha oferta enoturística transfronteiriza.

A folla de roteiro propón reforzar a colaboración entre administracións e sector privado mediante a creación e comercialización de novas propostas, a promoción conxunta, a dixitalización, a formación e a cooperación territorial. O obxectivo é xerar actividade durante todo o ano e ampliar o impacto do viño na hostalería, o comercio e o emprendemento local, converténdoo nunha porta de entrada para descubrir o conxunto do territorio.

Unha iniciativa nada da cooperación

A elaboración do informe parte dunha iniciativa impulsada por Alfredo García, entón alcalde do Barco de Valdeorras, co obxectivo de poñer en valor e aproveitar mellor os recursos vinculados á produción vitivinícola tanto en Galicia como no Norte de Portugal.

Ambos os territorios contan cunha importante tradición vitivinícola e producen viños de recoñecida calidade e valoración nos mercados europeos. En Galicia existen cinco denominacións de orixe vitivinícolas, e, aínda que nos últimos anos desenvolvéronse produtos vinculados aos roteiros do viño, o potencial do enoturismo aínda ofrece unha ampla marxe de desenvolvemento.

Neste contexto, hai tres anos unha delegación de municipios vitivinícolas do Eixo Atlántico viaxou a Tokaj (Hungría), unha das rexións europeas de referencia en materia de enoturismo. A visita permitiu coñecer de primeira man o seu modelo de desenvolvemento, analizar boas prácticas e extraer aprendizaxes que puidesen trasladarse e adaptarse á realidade de Galicia e o Norte de Portugal.

Back to top button