EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Un godello da D.O. Valdeorras, Premio Maridaxe Alimentos de España no Hotel Wine Fest de Barcelona

 O galardón recoñeceu ao equipo do Hotel Almanac da capital catalá pola súa proposta gastronómica maridada cun branco valdeorrés

 

Un viño godello valdeorrés vén de ser recoñecido na terceira edición do certame enogastronómico Hotel Wine Fest de Barcelona, no que participaban un total de 10 denominacións de orixe de toda España e 6 hoteis icónicos da cidade condal, e onde a valdeorresa foi a D.O. convidada.

O Premio Maridaxe Alimentos de España, foi outorgado ao Hotel Almanac Barcelona, por un xurado profesional que recoñeceu ao equipo do seu restaurante Virens pola mellor armonía entre a proposta gastronómica — allo porros ao vapor con crema de pementos verdes fritos e mollo de xenxibre — e o viño escollido, Quinta da Peza Godello 2024, da Adega Quinta da Peza da Rúa. A razón: “o seu impecable equilibrio de contrastes; a untuosidade e mineralidade que aportan os chans de lousa, e notas herbáceas do Godello da D.O. Valdeorras, que elevan a dozura natural do allo porro, mentres que o seu acedume integra perfectamente a intensidade vexetal do pemento italiano”, segundo destacou o xurado.

Este galardón, cuxa entrega tiña lugar o 4 de febreiro no Speaker’s Corner de Barcelona Wine Week, pon en valor a excelencia do produto e a gastronomía española, e forma parte das accións de promoción impulsadas por Alimentos de España que se consolidou como un dos recoñecementos clave do festival.

Para o presidente da D.O. Valdeorras, Marcos Prada Ginzo, “foi unha grata sorpresa” tras “unha experiencia moi enriquecedora” na que “pagou moito a pena participar” e que veu a “complementar o traballo realizado na feira”.

 

 

Barcelona Wine Week

Máis de cen visitas foron as recibidas no stand da Denominación de Orixe Valdeorras durante os tres días de celebración da feira.

De orixe nacional, pero sobre todo “doutros moitos países de todo o mundo”, atenderon a profesionais de catro continentes; do europeo, chegados de países como Bélxica, Países Baixos, Romanía, Hungría ou Noruega; do continente americano, chegados de Estados Unidos, Costa Rica, Chile, Guatemala ou México; do continente asiático, desde Xapón, Corea do Sur ou Malasia; e mesmo desde o continente oceánico, con profesionais chegados desde Nova Zelandia.

“Puidemos comprobar que a nosa marca é unha marca consolidada, somos unha denominación de orixe aprezada e coñedida pola súa calidade”, di o presidente da D.O. Valdeorras. Da mesma opinión é Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador, quen explica que “se coñecen a marca, achéganse a probar cousas novas” porque “comprobamos que moita xente tomouse o seu tempo para vir e coñecernos mellor”.

Fotos cedidas.

 

 

 

 

 

 

Back to top button