A Residencia do Embaixador de España en Hungría (Palacio Hatvany-Deutsch, en Budapest) acollía esta semana unha cata única tendo como protagonistas a 5 das grandes rexións vitícolas españolas. No marco do evento Spanish Pantry Festival, que busca promocionar a gastronomía española no mundo, os catadores, técnicos e xornalistas, Luis Paadín (editor da Guía de vinos de Galicia), Javier Facal (catador-maître Grupo A Mundial), Alberto Tobes (director de viticultura e enoloxía de Ribera del Duero), Alberto Ruiz (catador-maître Casa Ramón Oviedo) e Alejandro Paadín (educador oficial de Rioja) impartían un exclusivo seminario con 5 das rexións do viño máis icónicas de España: Galicia, Rioja, Cava, Ribera del Duero e Andalucía Occidental.

Entre os asistentes, atopábanse unha quincena de diplomáticos europeos do máis alto nivel como o Nuncio do Vaticano (decano do corpo diplomático de Hungría), os embaixadores de España, Colombia, Arxentina e Perú, así como o ex embaixador de Hungría en España e agregados culturais doutros países hispanofalantes (México, Cuba…).
Unha exclusiva cata e seminario, celebrados o 17 de outubro, nos que se fixo un percorrido pola historia e diversidade vitivinícola española, cunha xenuína escolma de referencias desde Rías Baixas a Xerez, contando con viños de ata 50 anos de idade. Entre eses viños figuraba un da D.O. Valdeorras: o 200 Cestos Godello 2022 de A Coroa. Outras referencias galegas eran M-100 da zona do Rosal (Rías Baixas) e o oruxo Tantum de AugaVella.
Fotos cedidas.
