A Pobra de Trives ten programación cultural e diversión para rato. Nesta segunda quincena de agosto que está a piques de comezar organizouse un Grand Trix, as Festas de San Bartolomé e actividades entorno a Volta Ciclista a España, entre outras moitas propostas. A música será protagonista practicamente todos os días do mes con actuacións que animarán as rúas da vila.
Para o venres 16 de agosto programouse en Santa Leonor unha orixinal proposta da Asociación Os Tiburos. Trátase do Grand Trix para nenos, nenas e adultos e que contará con música, xogos de auga e actividades para todos os públicos. O sábado 17 de agosto ás 19.30 horas haberá na Praza do Reloxo unha gran foliada cos grupos de gaitas Dos Trintas de Trives, Vilariño de Conso e Devalar de Amoeiro. Ademais, a partir das 22.00 horas darán comezo as Xornadas de Folclore na Rúa San Martín.
O Torneo de Fútbol Sala arrancará o 22 de agosto e os interesados deben inscribirse antes do día 18.
As Festas de Bartolomé tamén encherán de música e actividades a vila da Pobra de Trives e para o 23 de agosto agárdase o concerto do Orfeón Trives e do Coro del Bierzo Canta, no Auditorio Xulio Vázquez dende as 19.30 horas. A orquestra América de Vigo actuará na rúa San Martín ás 23.00 horas.
O sábado 24 de agosto a xornada arrancará cos pasarrúas e para a tarde organizouse a carreira de San Bartoliño. As inscricións deberán facerse a partir das 16.30 horas na Praza de Abastos e haberá catro categorías: prebenxamín (de 4 a 8 anos), benxamín (de 8 a 10 anos), alevín (de 10 a 12 anos) e infantil (de 12 a 14 anos). Todos os participantes levarán a súa medalla. Pola noite, a partir das 21.30 horas, a orquestra Galilea actuará na Rúa San Martín.
A animación continuará o domingo 25 de agosto con pasarrúas e, a partir das 18.30 horas, proxectarase a película “Valentina” no auditorio Xulio Vázquez. Pola noite atuará o grupo Arizona na Praza do Reloxo. Nesta xornada tamén se organizou o Día da Bici, que cambia de data para achegarse máis á Volta Ciclista a España e que contará con dous percorridos dende a Praza do Concello.
O luns 26 de agosto, ademais da música polas rúas programouse, dende as 17.00 horas, unha ludoteca con inchables e festa das escuma no patio de Santa Leonor.
Unha foliada polas rúas da vila agárdase para o mércores 28 de agosto cos grupo de gaitas da bretaña francesa Bagad Treguier, Dos Trintas de Trives e Bico da Balouta de Agolada.
O mes de agosto pecharase cunha importante cita deportiva, xa que a etapa 12 da Volta Ciclista a España pasará o xoves 29 por Trives e o Parque Volta instalarase na Finca da Barreira de 16.30 a 20.30 horas.
Imaxes: Concello de Trives.

