Un home era trasladado a pasada noite ao hospital con queimaduras tras un incendio que afectou á cociña dunha cafetaría en Ourense. Trátase, segundo informa o 112 Galicia, dun traballador do local ao que evacuaron en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
Os feitos acontecían arredor das 21:20 horas. Nese momento un particular alertaba ao 112 Galicia de que saía abundante fume dun bar situado na rúa Progreso, en Ourense. “Naquel momento, todas as persoas atopábanse no exterior, pero unha delas precisaba asistencia sanitaria debido a que sufrira queimaduras. Os bombeiros municipais comprobaron cando chegaron que o lume estaba afectando á cociña, ao tempo que o fume estendeuse ao resto do local. A súa rápida intervención evitou que as lapas se propagasen máis aló da estancia afectada, que ardeu case na súa totalidade”, informa O 112 Galicia.
Neste operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Ourense, a Policía Nacional e Local. Tamén foron informados os voluntarios de Protección Civil do municipio.