Dende beléns cun toque infantil, con clicks ou figuriñas de Pin e Pon, pasando por outros en marquetería ou coas clásicas figuriñas do blister, de “cabezones” ou montaplex, ata nacementos doutras partes de España, como Mallorca, e mesmo do mundo, algúns diminutos e outros con figuras de gran tamaño. Na Casa da Cultura de Rubiá inaugurábase esta tarde unha interesante exposición de máis de medio cento de beléns, que reúne pezas de José Ramón Moral Zamanillo, un coleccionista con raíces en Rubiá por parte paterna; e da belenista María del Carmen Núñez Fernández de Rubiá.
“Fago un percorrido polos beléns de miña infancia”, conta José Ramón Moral, “e tamén inclúo algúns curiosos que fun adquirindo co paso do tempo, tanto de aquí como doutros países”. Entre estes figuran beléns italianos ou de diferentes partes de América do Sur.
Diversidade de beléns, de figuras, de tamaños e tamén de materiais, que van dende o papel e o plástico, ata a cerámica, a marmolina policromada, a madeira, a tea ou o cristal. E entre os detalles curiosos, un tricornio que recrea o portal de belén ou unha televisión como espazo que acolle un nacemento.
A mostra inclúe nacementos pero tamén misterios. Algúns achegan a mirada de zonas tan lonxanas como Xapón, o Títet, Ucraína, Vietnam, O Chad ou mesmo Etiopía, e pertencen á colección de María del Carmen Núñez.
Non falta tampouco na mostra un photocall, no que se recrea cunha imaxe e con diversa decoración, o portal de belén. Esta proposta expositiva poderá visitarse ata o 6 de xaneiro.
Fotos: O SIL.