Boa parte da última investigación arqueohistórica levada a cabo na comarca ourensá de Monterrei durante a última década vén de reunirse no volume Arqueoloxía, Prehistoria e Historia nas terras de Monterrei, Ourense. Avance de resultados dos traballos de investigación, 2013-2022. Trátase dunha dunha obra colectiva, coordinada desde o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo por Martiño X. Vázquez e Adolfo Fernández.
Editado polo Servizo de Publicacións da UVigo e publicado con financiamento da Xunta de Galicia, o libro nace ao abeiro das Xornadas de Prehistoria, Arqueoloxía e Historia nas Terras de Monterrei, celebradas en setembro de 2021. Na obra réndese homenaxe ao profesor Antonio Rodríguez Colmenero, “como responsable da catalogación e estudo de centos de xacementos e restos arqueolóxicos, con especial atención nestas terras tameganas” e ao que “toda unha xeración de historiadores, epigrafistas e arqueólogos medramos citando nos nosos traballos universitarios e de investigación”.
O traballo feito por Rodríguez Colmenero e outros investigadores durante boa parte do século XX, comentan os coordinadores da publicación, foi o xerme que fixo que a comarca de Monterrei sexa nos últimos anos un dos focos principais das actividades arqueolóxicas na provincia de Ourense. “O interese dos concellos de Monterrei polo seu patrimonio arqueolóxico é facilmente medible se botamos unha simple ollada ás cifras de proxectos arqueolóxicos desenvolvidos nos últimos anos dando así continuidade os traballos dos pioneiros no século XX”, sinalan.
O punto de partida da publicación é un limiar de José Luís Suárez, presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Monterrei, e unha presentación a cargo de Martiño X. Vázquez e Adolfo Fernández. Logo seguen seis capítulos con “datos novidosos e inéditos que van dende a Prehistoria recente ata a Baixa Idade Media”. O primeiro deles é unha análise comparativa dos castros de Cualedro: A Cidáde Saceda e A Cidáde San Millao, a cargo do propio Martiño Xosé Vázquez.
Séguelle outro artigo sobre hipóteses e interpretación do recinto amurallado baleiro do Muro de Búbal (Monterrei-Oimbra), a cargo de Patricia Valle, Adolfo Fernández, Alba Antía Rodríguez, Nerea Ruanova e Iria Veloso. A terra de Baroncelli, o conde Odoario e a “repoboación” do alto Val do Támega na alta Idade Media (do século IX ao XI) centran pola súa banda un texto de Nieves Amado Rolán. A publicación remata cun texto sobre a necrópole medieval de San Salvador das Rozas (en Medeiros) realizado por Patricia Valle e Fermín Pérez.
Ao longo desta obra colectiva, comentan os seus responsables, o público lector “darase conta rapidamente de que a investigación histórica e arqueolóxica é a única maneira de rachar co silencio do pasado”. Os xacementos arqueolóxicos que aparecen neste traballo, como A Saceda, San Millao, Muro de Búbal, Medeiros, Lobarzán, Mixós, Verín e moitos outros, detallan, “cobran agora vida funcionando como transmisores do pasado da comarca grazas á investigacións que os rescatan do seu ostracismo histórico”. Así, subliñan, “o discurso xerado a partir de investigacións rigorosas do pasado enriquece á sociedade obxecto de estudo” e “a semente que outros plantaron segue aínda hoxe xerminado en Monterrei”.
Fotos: Duvi.