
O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense celebrará o vindeiro 4 de xullo unhas xornadas que reunirán a investigadores, enólogos, representantes das cinco denominacións de orixe galegas e a un dos maiores referentes mundiais do viño para analizar os retos dun sector estratéxico para Galicia.
O Colexio presentou esta mañá as Xornadas do Viño 2026, que se celebrarán o vindeiro 4 de xullo no Salón de Actos do Arquivo Provincial de Ourense baixo o lema “Dende Ourense, pensando no viño”.
Durante a presentación, o presidente do Colexio, Pepe Paz explicou que esta iniciativa supón a recuperación das históricas Xornadas Agrarias promovidas pola entidade, que durante anos constituíron un referente para a formación e o debate técnico no ámbito agroalimentario.
Nesta nova etapa, o Colexio decidiu iniciar este ciclo centrando a atención no mundo do viño, por tratarse dun dos principais motores económicos da provincia de Ourense e dun sector estratéxico para o desenvolvemento do medio rural galego.
Pepe Paz avanzou ademais que a intención do Colexio é dar continuidade a esta iniciativa nos vindeiros anos, organizando novas xornadas dedicadas a outros ámbitos da enxeñaría agrícola, co obxectivo de converter Ourense nun punto de encontro para a transferencia de coñecemento, o debate técnico e a análise dos principais desafíos do sector agroalimentario.

O presidente destacou que o propósito destas xornadas é contribuír ao debate técnico de maior nivel e achegar á sociedade a realidade do sector agrario e do medio rural. “Se hai un lugar desde o que paga a pena pensar no viño é precisamente Ourense”, afirmou, lembrando que a provincia é a única de Galicia que conta con catro Denominacións de Orixe e unha Indicación Xeográfica Protexida.
Pazos agradeceu tamén a colaboración do Concello de Ourense, da Xunta de Galicia, da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, das cinco denominacións de orixe galegas e das empresas patrocinadoras Tenomar e Dolmar, que fixeron posible a organización desta iniciativa.
Un programa centrado nos grandes desafíos do sector
As Xornadas do Viño 2026 abordarán algúns dos principais retos aos que se enfronta actualmente a vitivinicultura galega desde unha perspectiva científica, técnica e empresarial.
O programa contará coa participación de Jonas Tofterup, Master of Wine, quen analizará a proxección internacional dos viños atlánticos e as oportunidades para reforzar a presenza dos viños galegos nos mercados exteriores.
A adaptación do viñedo aos novos cambios regulatorios en materia fitosanitaria será outro dos temas centrais da xornada da man de Emilia Díaz Losada, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia en Leiro, que abordará as novas ferramentas de apoio á decisión e o papel das variedades resistentes.
A loita contra a fraude e as garantías ao consumidor ocuparán tamén un lugar destacado coa intervención de Alejandro Parra Manzanares, de Tenomar Laboratorios, que explicará as técnicas máis avanzadas para verificar a autenticidade dos viños mediante análises isotópicas e tecnoloxía IRMS.
A xornada completarase cunha mesa redonda na que participarán os presidentes das cinco denominacións de orixe galegas, que analizarán conxuntamente a situación actual e o futuro inmediato da vitivinicultura en Galicia.
O viño, motor económico e social do rural ourensán
Durante a presentación tamén interveu o enólogo e membro da Xunta de Goberno do Colexio, Pablo Estévez, quen puxo en valor a importancia do sector vitivinícola como un dos principais motores económicos da provincia de Ourense.
Estévez destacou que o viño representa unha oportunidade para xerar emprego, atraer investimento e contribuír á fixación de poboación no medio rural, ao tempo que reforza a identidade e o prestixio internacional do territorio.
Segundo sinalou, apostar pola innovación, pola formación continua e pola transferencia de coñecemento ao sector resulta fundamental para garantir o futuro económico das comarcas vitivinícolas galegas.
Un foro para “construír propostas de futuro”
O Colexio pretende que estas xornadas vaian máis alá dun encontro técnico puntual. Ao remate da sesión elaborarase un documento de conclusións no que se recollerán as principais reflexións, propostas e oportunidades identificadas polos relatores e representantes do sector.
Con esta iniciativa, o Colexio reafirma a súa “vontade de contribuír, desde o coñecemento técnico e a colaboración institucional, ao desenvolvemento dun sector estratéxico para Galicia e de consolidar estas xornadas como unha cita anual de referencia para os profesionais do ámbito agroalimentario”.

