En portadaÚltima hora

Un percorrido en imaxes pola XXVII Festa das Covas de Vilamartín

 

É unha cita ineludible para miles de persoas no primeiro sábado do mes de agosto dende hai case trinta anos. Sen ser a edición máis numerosa, un ano máis eran miles as persoas que na tarde-noite do sábado día 2 asistían á XXVII Festa das Covas de Vilamartín.

 

 

 

Dende mozos ata maiores iniciaban, cunca e pano laranxa en man (ou no pescozo), un percorrido festivo por estas singulares adegas soterradas para desfrutar dos viños (brancos e tintos) e tamén de diversos petiscos (lacón, salchichón, queixo, chourizo, empanada,…), mentres o ambiente estaba animado polo son de cantos de taberna como Abertal da Rúa ou Macizas Centrais de Trives.

 

 

Esta ruta constitúe unha oportunidade para descubrir o engado destas antigas adegas escavadas séculos atrás baixo terra. Ao longo do ano o viño repousa en silencio nelas, a escuras e cunha temperatura constante. Son multitude as existentes na vila de Vilamartín (se ben tamén poden atoparse noutros puntos do municipio, pero con certas peculiaridades) e debuxan un sorprendente entramado de galerías no subsolo desta localidade. Este ano abrían un total de corenta e catro, dende Cova Tito (co número 1) ata Kiko (co número 44).

 

 

O único día do ano no que estes auténticos santuarios do viño descubren os seus segredos ao público en xeral é nesta Festa das Covas, na que quen proba, sempre repite. Coma sempre, participantes da comarca, pero tamén outros chegado de diferentes partes de Galicia e mesmo doutros puntos de España como Asturias ou León, entre outros.

 

 

E tralo peche das covas, pasada xa a media noite a festa continuaba coa macrodIsco Radikal no recinto anexo.

 

Este alambique está precintado e non se usa dende hai anos, pero é un dos elementos empregados no seu momento para a destilación do augardente.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button