EconomíaEconomíaÚltima hora

Un proxecto de innovación aposta por fomentar a multiplicación da oliveira autóctona galega

Trátase de ensaiar e optimizar a gran escala técnicas para multiplicación (estaquillado e in vitro) de variedades autóctonas, para prover os viveiros, de forma eficiente e sustentable, con plantas que cubran a alta demanda rexistrada no mercado

 

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural, participa nun proxecto de innovación de multiplicación de oliveira autóctona a gran escala que ten como obxectivo dar resposta a demanda crecente de planta certificada neste ámbito. A iniciativa está impulsada por un Grupo Operativo de Innovación do que forman parte, ademais da devandita Axencia, a Fundación Juana de Vega, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e as empresas Ouro de Quiroga e Olivar de la Concordia.

O proxecto está financiado con 179.652,68 euros con cargo á convocatoria 2023 das Axudas para a execución de proxectos innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, e que xestiona a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

O director desta entidade, Martín Alemparte, participou hoxe na reunión de coordinación deste grupo e na posterior visita ás instalacións de Ouro de Quiroga. O responsable da Axencia salientou que con esta iniciativa búscase ensaiar e optimizar a gran escala técnicas para multiplicación (estaquillado e in vitro) de variedades autóctonas de oliveira.

Trátase de prover os viveiros, de forma eficiente e sustentable, con plantas que cubran a continua e crecente demanda rexistrada no mercado nos últimos anos, dende que a principios de século se iniciou a recuperación da produción de aceite autóctono, precisamente no Val de Quiroga, e que continúa estendéndose a outras áreas xeográficas de Galicia.

Así pois, os obxectivos do proxecto pasan por perfeccionar as técnicas de reprodución in vitro e a súa aplicación a gran escala, co fin de impulsar a industria galega da oliveira. Procúrase acadar un salto tecnolóxico na micropropagación de oliveira in vitro, recortar o tempo na obtención de planta certificada para plantación e fomentar, así, a transferencia de coñecemento ao sector produtivo e á cadea de valor da oliveira galega.

Artigos relacionados

Back to top button