ConcellosÚltima hora

Un proxecto promovido por 9 concellos ourensáns, entre eles Río e Vilariño, aposta por buscar solucións á falta de vivenda en alugueiro no rural

 

Un total de 9 concellos da provincia de Ourense veñen de unirse nun proxecto innovador, presentado ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, co foco posto en buscar solucións ante a inexistencia de vivenda en alugueiro para acoller aos novos ruralistas.

“Tras o desenvolvemento nos anos 2023 e 2024 do proxecto Ourense Rural é Vida en municipios do rural ourensán de menos de 5000 habitantes para frear o despoboamento, comprobouse como existe un elevado número de persoas, novas ruralistas, interesadas en asentarse no territorio polo atractivo en canto á natureza, saúde e boas comunicacións coa meseta. Con todo, o impacto foi mínimo debido a que existe un problema real de falta de vivendas en condicións óptimas de habitabilidade: Disponse dun amplo parque de vivendas sen embargo apenas existe oferta de vivenda en alugueiro salvo algunhas iniciativas sobre vivendas de uso turístico”, explican os municipios promotores da iniciativa.

Asimesmo, engaden, “existe unha marcada reticencia da poboación en fomentar o seu uso unida ao seu descoñecemento en referencia á rehabilitación enerxética, ás posibilidades e subvencións existentes, así como á falta de profesionais especializados no sector que ofrezan alternativas á rehabilitación tradicional”.

Estas cuestións levaban aos Concellos de Oímbra, Boborás, Porqueira, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo, Esgos, Coles e San Xoán de Río, liderados polo Concello de Taboadela, a tomar medidas e afrontar esta problemática a través dunha candidatura pioneira na provincia que prevé converterse nun foco de innovación transferible a outras zonas do territorio nacional.

“A actual situación de crise climática, obriga a tomar medidas, unido á dramática situación de perda de poboación nos últimos 20 anos, especialmente das mulleres no rural ourensán, deu lugar a esta proposta con base nas alianzas Público-Privadas. Un enfoque innovador para superar a forma tradicional de facer vivenda en España, alleando chan público para desenvolver vivendas en venda, que levou a moitos municipios a estar desconectados do que é necesario para desenvolver un parque de vivendas da envergadura que actualmente fai falta no noso país. Estas iniciativas partirán directamente das Entidades locais e das propias persoas privadas que dispoñen dunha segunda vivivenda no territorio, que actualmente son o 60% nos Concellos solicitantes”, aseguran os promotores.

A través dunha estratexia de dinamización do territorio, un ecosistema formado por 26 organizacións sociais, empresariais e científico-técnicas, a aplicación da tecnoloxía como base para mapear o territorio e o asesoramento á poboación, buscarase poñer en funcionamento 200 vivendas nos vindeiros dous anos a través da rehabilitación enerxética e outras formas de habitabilidade como coliving, cohousing ou vivendas interxeneracionais, que respondan aos retos do territorio e sirvan tanto ao interese público dos municipios como ao interese xeral e social con foco nas mulleres e os colectivos vulnerables.

Artigos relacionados

Back to top button