PolíticaÚltima hora

Un sector do PP do Barco amosa o seu malestar tras o recente congreso local do partido

Dende a dirección do PP de Ourense asegúrase que "congreso do PP do Barco foi convocado polos órganos competentes do partido e seguindo os cauces marcados polas normas internas, sen que se rexistrasen impugnacións"

 

Un sector de afiliados e simpatizantes do PP do Barco vén de expresar o seu malestar coa dirección do PP de Ourense tras o desenvolvemento do congreso local, celebrado o pasado 6 de marzo na vila, do cal saía a nova xunta local da formación neste municipio valdeorrés.

Ese sector apunta que o inicio desta crise interna no PP barquense remóntase xa a xaneiro do 2024, ao non contarse con Manuel Núñez, como presidente da xestora, en diferentes reunións do partido e tamén critica a forma na que se procedeu a cambialo como voceiro municipal.

Así mesmo, este sector crítico do PP barquense lamenta a forma na que se levou a cabo a convocatoria e o desenvolvemento do recente congreso local, ao entender que houbo “mala praxe”, referíndose, entre outros temas, aos requisitos para poder inscribirse como compromisario. “Plantéxanse interrogantes sobre a designación dos compromisarios, os criterios de selección e quen ostenta realmente o liderado do PP no Barco”. Así mesmo cuestiona “a lexitimidade e representatividade do resultado, xa que os 13 votos que houbo non reflexan o sentir real da militancia”. Tamén alude a unha “sensación de desconfianza e desconexión coa militancia local”  da formación.

Pola súa banda, dende o PP de Ourense defenden a legalidade e o correcto desenvolvemento deste cónclave. “O congreso do PP do Barco foi convocado polos órganos competentes do partido e seguindo os cauces marcados polas normas internas, sen que se rexistrasen impugnacións ou alegacións, sendo democraticamente elixida unha presidenta local e un equipo directivo. Un proceso que se desenvolveu con absoluta normalidade, do mesmo xeito que o congreso celebrado esta pasada fin de semana en Toén, ou como os outros tres congresos previstos para próximas datas”.

Así mesmo, dende o PP de Ourense indícase que, “se calquera afiliado do Barco cre que non foi así, ten á súa disposición os órganos correspondentes do partido para expresar a súa opinión. En todo caso, sorprende que se realicen manifestacións deste tipo por parte dunha persoa que non está afiliada ao partido e outra que non puido participar no proceso congresual por non estar ao corrente das cotas, como esixen as normas, e dispoñendo do mesmo tempo e garantías para poder ter os mesmos dereitos que un militante ao corrente de pago. Para a dirección do Partido Popular de Ourense, o realmente importante é que se puxo fin a unha anomalía, pois o PP do Barco levaba 11 anos sen celebrar un congreso local”.

Artigos relacionados

Back to top button